En outubro contra a gripe e o 1 de novembro contra a meninxite B
O presidente do Goberno galego, avanzou que o 15 de setembro iniciarase o novo Calendario Vacinal unha vez sexa aprobado polo Consello da Xunta na súa reunión de mañá.
Papiloma, Meninxite B e a Gripe
Este calendario incorpora as novas vacinas contra o virus do papiloma humano, a meninxite B e a gripe aos nenos e nenas.
O presidente Rueda explicou que a partir dese mesmo día comezarase a administrar a vacina do virus do papiloma humano aos nenos de 12 anos; desde o 1 de novembro administrarase a vacina contra a meninxite B con dúas doses aos 2 e 4 meses, máis unha terceira de recordo ao alcanzar os 12 meses. A vacina antigripal programarase durante o mes de outubro.
Cómpre precisar que ata o momento a vacina contra o virus do papiloma humano só se administraba ás nenas e a de meninxite B, pola súa banda, era adquirido de xeito particular por numerosas familias. Ademais, o cambio da vacina contra a meninxite C por outra tetravalente realizarase tamén nos nenos de 12 meses.
23 millóns de euros
O orzamento do programa galego de vacinación superará en 2023 os 23 millóns de euros, 4,6 millóns máis que en 2022 debido á incorporación destas novas vacinas.