Máis de 300 persoas participan nas olimpíadas senior ‘Olympics4All’
A Eurocidade Cerveira-Tomiño convértese estes días nunha gran vila olímpica. Este mércores arrancou en Vila Nova de Cerveira unha nova edición das olimpíadas sénior ‘Olympics4All’.
Máis de 300 atletas
Trátase duns encontros anuais que teñen por obxectivo promover a práctica deportiva das persoas maiores, reforzando o intercambio social e cultural entre os máis de 300 participantes de 10 municipios do Alto Miño. Entre eles, un equipo integrado por deportistas de Tomiño e Cerveira, o único equipo transfronteirizo da competición.
“Para nós é un orgullo traballar nun proxecto que fomenta a actividade deportiva saudable, controlada e adaptada, pero que tamén tece lazos de unión entre os concellos do río Miño transfronteirizo”, explica a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, durante o acto inaugural destas xornadas que se disputarán ata o vindeiro 9 de setembro.
Cada concello participante preséntase cun equipo preparado grazas á implementación dun programa de adestramentos semanais que leva ás e aos atletas sénior a practicar dende atletismo ou voleibol ata baloncesto, natación, fútbol ou xogos tradicionais, como petanca ou corda.
Financiado polo programa Erasmus +Sport, o proxecto deu o pistoletazo de saída a un proxecto internacional que buscaba afondar nos factores que motivan ás persoas de maior idade a practicar deporte, o In Common Sports. En 2021, co nome de In Common Sports + Fit, Food and Fun for Elderly! O proxecto pasa a contar coa participación do Instituto Público de Deportes esloveno coa integración dunha nova liña de análise enfocada á nutrición. Replicado en seis países socios (España, Portugal, Italia, Eslovenia, Humgría e Bulgaria) dunha nova candidatura, In Common Sports+ conta con máis de 450 atletas que participan nos adestramentos semanais.