Comarcas Vigo al minuto

O Programa de Maiores da Universidade de Vigo estende a súa formación ao Rosal

Con seminarios temáticos para persoas de máis de 50 anos

O Programa de Maiores da Universidade de Vigo estende a súa formación ao Rosal

Con seminarios temáticos para persoas de máis de 50 anos

As Mareas de coñecemento e experiencia do Programa de Maiores da Universidade de Vigo recalou este mes no Rosal para achegar a formación, a ciencia e a cultura á poboación rural de máis de 50 anos.

Convenio

Este xoves, a alcaldesa rosaleira, Ánxela Fernández Callís, e o reitor da universidade viguesa, Manuel Reigosa, formalizaron esta colaboración asinando un convenio que permite “achegar a Universidade á súa contorna e poñer o coñecemento a disposición do local, que é a xestión máis próxima das persoas”. A rexedora estivo acompañada no acto por Conchi Balboa, presidenta da Asociación de Maiores do Rosal.

Pola súa banda, o reitor destacou a importancia de “democratizar o coñecemento e ofrecer formación ao longo de toda a vida”, pero lembrou que, se ben o Programa Universitario para Maiores leva anos sendo unha iniciativa moi exitosa nos tres campus, “queremos facer país tendo unha presenza en todos os lugares da xeografía galega que sexa posible”. Xunto á alcaldesa do Rosal, tamén asinou o convenio de colaboración o concello de Covelo.

Dende o 31 de agosto

No Rosal o programa arrancou o pasado 31 de agosto e remata esta mesma semana. Artellouse arredor de tres seminarios, o primeiro deles sobre arte e historia, centrándose no patrimonio do propio concello, como os petróglifos do Ghorghalado ou a capela da Madalena.

No segundo, as e os asistentes aprenderon a usar ferramentas e aplicacións do teléfono móbil, como os códigos QR ou aplicacións sanitarias ou de banca. O curso remata esta semana con dúas sesións, unha formativa e outra práctica, sobre saúde, benestar e alimentación, incluíndo un roteiro cardio-saudable.

Gran seguimento

A rexedora destacou que a experiencia esta sendo “moi positiva, cunha asistencia media de 30 ou 35 persoas en cada seminario”. Fernández Callís quixo recalcar a implicación da Asociación de Maiores do municipio e valorou moi positivamente o impacto que iniciativas coma esta teñen “nun concello pequeno como o noso, de 6.400 habitantes”.

A alcaldesa tamén trasladou ao reitor a satisfacción das persoas participantes, “que quedaron encantadas”, e avanzou a posibilidade de traballar da man da Universidade para poder impartir unha formación máis ampla, ao longo de todo un ano.

Este programa de democratización do coñecemento posto en marcha pola Universidade de Vigo e que conta cunha subvención da Consellería de Política Social e Xuventude, xurdiu no marco da Rede Galega de Programas Universitarios para Maiores en 2018 co fin de afrontar dende o eido universitario os retos do envellecemento da poboación e acadar obxectivos comúns na aprendizaxe ao longo da vida. Deste xeito, trátase de deseñar e organizar actividades formativas e de extensión cultural destinadas ás persoas que, por motivos xeográficos ou económicos, non poden asistir aos Programas Universitarios para Maiores nas sedes oficiais dos tres campus. 

También te puede interesar