Para demandar a negociación dun novo convenio
A CIG vén de anunciar a convocatoria de folga indefinida a partir do 28 de setembro, ás 6:00 da mañá, en FCC Ponteareas nos servizos de recollida de lixo, limpeza viaria e punto limpo.
A central sindical demanda a inmediata negociación dun convenio que permita mellorar as condicións laborais e salariais do persoal.
Sen aumento salarial
Segundo explica o representante da CIG-Servizos, Pedro Pérez, o convenio de FCC Ponteareas remata o 31 de decembro deste ano. “O problema é que imos estar en prórroga, que aínda non está aprobada polo Concello, e esa prórroga non contempla unha actualización de prezos. Polo tanto, non se vai producir un incremento salarial porque a empresa manifesta que non ten de onde sacar”.
Pérez explica que outro dos problemas é que, logo desta prórroga e unha vez que estea licitado o novo contrato, por Lei nos dous anos seguintes tampouco terá actualización de prezos. A consecuencia é que “imos ter 3 anos sen actualización de prezos, baseándonos nos prezos de 2022 se non se asina o novo convenio”.
Por iso a central sindical urxe a que “se negocie e asine un novo convenio canto antes, para que se contemplen nas novas plicas os novos salarios do convenio, que teñen intención de negociar cunha vixencia de 4 anos”, para os anos 2023, 2024, 2025 e 2026.
A empresa “non quere negociar absolutamente nada”
Pérez sinala que neste intre a empresa está nunha posición “reacia a negociar absolutamente nada” e que, como moito, negociaría un convenio con “contención”, que se traduce nun incremento salarial dun 0% no primeiro ano e un 0 e un 2% para o que restaría de vixencia de 4 anos. Esta proposta é, para o representante da CIG-Servizos, totalmente “inasumíbel” xa que “estamos falando de salarios xa precarios de partida“.
Inflación e precariedade salarial
Diante desta situación a CIG defende un incremento salarial importante para este período pola precariedade salarial que teñen mais tamén polo “grave incremento inflacionista que estamos padecendo”.
Ao longo de toda esta semana manteranse xuntanzas coa empresa para intentar achegar posicións. Neste sentido, Pedro Pérez afirma que “non nos imos levantar da mesa durante esta semana para intentar chegar a un acordo, pero senón nos veremos abocados a unha folga o día 28″.
Este mércores haberá outra xuntanza de negociación de convenio e despois outra do comité de folga coa empresa para pactar os servizos mínimos, “que FCC tentará que sexan os máximos posíbeis”. Fronte a isto, Pedro Pérez xa anuncia que “nós imos defender facer a recollida naqueles servizos esenciais e imprescindibles”.