No muro, vestiarios ou cuartos de almacén
O Concello de Salceda rematou as obras de mellora do muro lateral leste do campo de A Gándara, unha obra moi necesaria para asegurar o perímetro exterior en relación ao camiño que discorre paralelo á instalación deportiva, polo que transitan habitualmente pións e vehículos.
Ademais desta actuación leváronse a cabo outras como a habilitación de marcos para a colocación de publicidade e a mellora no acceso aos vestiarios e no cuarto de almacén de mantemento.
Dacordo coa tempada que disputa o Caselas F.C.
A planificación das obras tivo en conta o desenvolvemento da tempada deportiva, xa que estiveron listas para que o Caselas F.C., equipo con 55 anos de historia, que milita no grupo 5 da Primeira Galega, disputara o seu primeiro partido na casa asegurando así o normal transcurso da competición.
Demandadas pola comunidade deportiva
Ao remate das obras asistiu a alcaldesa Verónica Tourón, quen subliñou que “seguimos a traballar na liña de atender ás necesidades fundamentais de conservación e mantemento, que detectamos no conxunto das instalacións deportivas municipais e esta mellora resultaba unha das mais urxentes para o Concello e das mais demandadas pola comunidade deportiva de Salceda”.