Primeiro proxecto do Plan ReacPon da Deputación de Pontevedra
O Rosal vén de estrear o novo centro neurálxico da vila coa transformación da Praza do Calvario, unha obra que marca “un antes e un despois” na recuperación do espazo público do concello para as persoas. Trátase do primeiro dos 47 proxectos levados a cabo con financiación do Plan ReacPon da Deputación rematado na provincia.
“Pensando nas persoas”
A presidenta provincial Carmela Silva definiu este proxecto como “unha nova e fermosa mostra da transformación pensando nas persoas e tamén un exemplo palpable da reactivación da provincia que vai supoñer este plan”.
Pola súa banda, a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, subliñou o “paso histórico” dado con esta obra, “coa que non só cumprimos un gran compromiso, senón que recuperamos o epicentro da nosa actividade económica, social e de convivencia para as persoas. Porque xuntas e xuntos estamos a construír o Rosal das persoas”.
Máis de 1,5 millóns
A renovación desta praza, que constitúe o centro social e administrativo do Rosal, tivo un orzamento de 1.518.474 millóns, dos que a Deputación aportou a través do ReacPon un total de 517.938€ e Concello 1.000.536 €.
Carmela Silva cualificou a reforma como “modélica” e destacou na súa intervención o coidado e a calidade estética desta obra que “serve para poñer aínda máis en valor a historia desta vila e os seus grandes valores patrimoniais”.
“Isto va máis alá de rehabilitar; falamos de humanizar, de crear espazos amables para a xente como este que sirvan para o reencontro, para a convivencia, onde se desenvolvan actos culturais e sociais e que sexan un polo de atracción para dinamizar o concello, tanto desde o punto de vista económico como turístico –apuntou a presidenta-.
Carmela Silva subliñou, así mesmo, a relevancia do ReacPon para dotar de recursos aos concellos con este plan extraordinario “cos que mobilizar a economía da provincia, impulsando proxectos maduros que supoñen un compromiso coa mobilidade sostible, co medio ambiente, con infraestruturas modernas e dotacións para que as persoas, vivan onde vivan, desfruten dos mesmos dereitos e servizos”.
Un espazo inclusivo e accesible
“Melloramos e transformamos a nosa praza –apuntou pola súa banda a alcaldesa Ánxela Fernández– nun espazo público de calidade e en maiúsculas, sen barreiras, inclusivo, igualitario, democrático e accesible. Convertemos un aparcamento e unha rotonda no centro neurálxico de interacción social, de convivencia, creando un espazo seguro, amable, saudable, moito máis verde no que potenciar a actividade económica de proximidade, o comercio e o consumo local”.
Estrea
A renovada praza, que acolleu nesta estrea a actuación do grupo de baile de Paula Covián e a da Banda da Agrupación Musical do Rosal, conforma un novo espazo público de lecer e de uso polivalente que dota de identidade á zona.
Abordouse un deseño unitario, atractivo e dinámico para esta contorna, que integra ao Concello, a Igrexa, o Mercado, a Cámara Agraria, e que conta agora cun espazo central como elemento cohesionador.
Nel destaca unha sobreira de gran porte, que recorda ás árbores desta especie que había no lugar a principios do século XX, amais doutros árbores que potencian a multifuncionalidade da praza. Tamén hai que destacar o elemento elevado a modo de escenario que reinterpreta o templete de música que tiña a praza hai un século.
O proxecto incluíu así mesmo a renovación das redes de saneamento, abastecemento, pluviais, telecomunicacións e eléctricas. Amais, instalouse iluminación eficiente feita a medida que permite axustala en función das necesidades de cada momento e nova sinalización.