Logo da denuncia presentada polo colectivo ‘Por un Monte galego con futuro’
A Fiscalía vén de remitir resposta ás denuncias presentadas polas diversas entidades que conforman “Por un Monte galego con Futuro” informando que incoará dilixencias coa fin de determinar a posíbel comisión dun delito contra o medio ambiente dos artigos 325 e 326 do Código Penal, relativo á protección da flora.
A Fiscalía lembra que, en coñecemento dun “feito aparentemente delitivo, ben directamente ou por ser representada unha denuncia ou atestado, practicará o mesmo ou ordenará á policía xudicial que practique as dilixencias que estime pertinentes para a comprobación do feito ou da responsabilidade dos partícipes no mesmo”.
“Desleixo”
As entidades da plataforma Por un Monte Galego con Futuro denunciaban o desleixo do goberno da Xunta ante a vaga de lumes que nos meses de xullo e agosto produciran graves efectos nos montes e ecosistemas de máis valor de Galiza.
E “inacción”
Na súa denuncia sinalaban expresamente á Consellaría de Medio Rural pola súa inacción perante uns lumes que arrasaron ecosistemas de gran valor como o Parque Natural do Invernadoiro e Macizo Central ourensán, Serra do Courel, bisbarra de Valdeorras, Val de Monterrei, Montes da Cañiza, Montes da bisbarra do Ribeiro ou o Arenteiro, entre outros.
Así mesmo, apuntaban que o dano producido polos incendios forestais, coa calcinación de miles de hectáreas de montes, agravouse debido a que a maioría dos traballos de prevención de incendios previstos para o ano 2022 están sen facer a día de hoxe.
Xunto a isto denunciaban que só se executara, á altura do mes de agosto, parte do Plan de prevención de incendios forestais presentado o 5 de maio de 2022 polo entón Presidente da Xunta de Galiza don Alberto Núñez Feijoo, cun orzamento de máis de 180 millóns de euros que, entre outras partidas, tiña previsto un investimento de 33 millóns de euros para prevención e intervir en 58.000 hectáreas de montes ou 58.000 quilómetros de pistas.
Menor repercusión de se ter activado o “máximo risco”
Para a plataforma “Por un Monte Galego con Futuro” o alcance e repercusión dos incendios forestais tería sido moito menor de activarse todo o operativo de “Tempada de Máximo Risco de Incendios” tal e como estabelecía o PLADIGA 2022.
Ademais, debíanse ter adoptado as medidas complementarias estabelecidas nos protocolos de Protección Civil tanto da comunidade autónoma como do Estado español.
A plataforma afirmaba tamén, no escrito dirixido á Fiscalía, que “os indicadores diarios de incendios forestais permitían vaticinar que, en caso de focos iniciais de incendio forestal, estes podían converterse con facilidade en Grandes Incendios Forestais, como así lamentabelmente pasou a partires do 14 de xullo”,e que “producidos os primeiros focos iniciais, non se actuou en tempo e forma cos medios suficientes coa fin de intentar controlar a súa expansión e minimizar os efectos dos lumes tanto nos ecosistemas como os danos económicos e sociais que se podían producir”.
‘Por un Monte Galego con Futuro’ chamaba tamén a atención sobre a “dramática” situación vivida en aldeas e poboacións, con varias casas calcinadas por uns incendios forestais incontrolados pola falla de medios, nomeadamente entre o 14 e o 27 de xullo. E recalcaba que o operativo para extinguir os incendios estivo desbordado desde o principio pola falla de medios técnicos, materiais e humanos.
Grao de mobilización do operativo insuficiente
Outra das consideracións que aportaron na súa denuncia foi que o grao de mobilización do operativo de prevención e extinción de incendios foi equiparábel ao que se activa durante unha precampaña nos meses de marzo, abril, maio, xuño. “Mentres, montes enteiros ardendo, os espazos naturais de máis valor de Galiza calcinándose e aldeas afectadas con casas queimadas“.
40.000 hectareas calcinadas e millóns de animais mortos
Canda isto, recollían datos como as preto de 40.000 hectáreas calcinadas no mes de xullo, con millóns de animais atrapados e mortos polo avance das lapas, sen que houbera un protocolo de actuación para minimizar os efectos dos incendios sobre a fauna ou para recoller os animais feridos e tratar de curalos nos centros de recuperación de fauna salvaxe xestionados pola Consellería de Medio Ambiente.
Aínda non hai medidas para retirar as cinzas ou recuperar a fauna
“Fallou a prevención e logo producidos os primeiros focos iniciais, non se actuou en tempo e forma cos medios suficientes co fin de intentar controlar a súa expansión e minimizar os efectos dos lumes tanto nos ecosistemas como os danos económicos e sociais” – subliña Xosé Santos voceiro da Plataforma Por un Monte Galego con Futuro –
“Ademais, o desleixo da Xunta é tan grande que aínda non se tomou ningunha medida para reducir o dano causado como a retirada das cinzas para que non contaminen as augas ou a recuperación da avifauna”.