Xa podes reservar praza
Dende o pasado día 11 de outubro, a Deputación de Pontevedra ten abertas as portas da ‘Finca Mouriscade,’ á comunidade escolar e á cidadanía en xeral, a través dunha iniciativa de visitas guiadas que se estenderá ata o mes de abril.
Autobuses desde diferentes lugares de la provincia
Será un programa con visitas gratuítas, para as que se habilitarán autobuses desde diferentes puntos da provincia, e nas que poderán participar especialmente os centros educativos, máis tamén asociacións e outros colectivos en grupos de ata 35 persoas.
A presidenta da Deputación destaca a importancia de dar a coñecer este centro ao conxunto da cidadanía da provincia, a finca “máis innovadora e investigadora de Galicia e das mellores de España e Europa”, que é “fundamental para o sector primario no rural” e se atopa, ademais, “nun lugar único”.
Como facer a reserva?
As visitas desenvolveranse todos os martes, coa excepción dos días festivos, en dúas quendas: unha ás 10:00 e a segunda ás 12:00 horas. Terán unha duración aproximada de unha hora e trinta minutos e estarán guiadas por unha persoa experta do centro.
Para poder realizalas as e os interesados deberán cumprimentar un formulario que xa se atopa dispoñible no sitio web da Finca Mouriscade cunha antelación de 72 horas.
Ruta guiada
Na ruta guiada polo centro investigador agrogandeiro, as e os visitantes poderán coñecer a labor que realizan as e os máis de 30 profesionais de distintas áreas que buscan mellorar o coidado, a nutrición, a saúde e a produción de leite dos animais.
Para iso, visitaran o laboratorio que, en palabras de Carmela Silva, conta con “especialistas e medios de última xeración”, para coñecer a calidade dos alimentos do gando e como se traballa para previr enfermidades ou na análise de auga e xermes.
Ademais, poderán coñecer a granxa, na que se traballa na mellora xenética do gando a través da transferencia embrionaria, que permite que nazan “tenreiras dos mellores exemplares, de tal forma que os gandeiros e as gandeiras poidan ter animais máis saudables e produtivos”.
Por último visitarán as 44 hectáreas de terras de cultivo coas que conta a Finca, dedicadas na súa maior parte a cultivos de millo e praderías, grazas ás que se poden realizar ensaios para mellorar a alimentación do gando e investigar sobre fertilizantes.
Capacidade investigadora
“A Finca Mouriscade é a gran descoñecida”, subliña a presidenta, que incidiu na importancia de que “as nenas e os nenos saiban da enorme capacidade innovadora e investigadora que temos na provincia e que coñezan un sector tan importante e que xera tanta actividade económica e emprego” como é o agrogandeiro.
Ademais, lembra Carmela Silva, o centro investigador é “unha gran referencia” e o único en Europa que ofrece un
servizo de analíticas tipo NIR -análise de infravermello cercano – tanto para o gando vacún como para a avicultura e o porcino. “Traballamos non só con gandeiras e gandeiros da provincia e de Galicia, tamén do conxunto do Estado e incluso a nivel europeo”.