A clave está na Atención Primaria
A Área Sanitaria de Vigo presentou este luns o Plan de Continxencia para a Gripe e outros virus respiratorios 2022/23. O mesmo establece a activación e coordinación dos servizos e recursos de Atención primaria e hospitalaria para optimizar a atención á gripe e ás súas consecuencias.
Aumento dos casos
“Nestes momentos estamos preparados e vixiantes para afrontar as consecuencias derivadas dun incremento de patoloxía respiratoria estacional”, asegurou o xerente da área viguesa. Así, Javier Puente, subliñou que “dispoñemos da capacidade física e asistencial para absorber a demanda dun pico epidemiolóxico invernal”.
Puente estivo acompañado pola directora Asistencial, Susana Cerqueiro; a directora de Enfermaría, Pilar Reza; a directora de Atención Primaria, Reyes Diaz; así como dalgúns xefes de servizos con implicación directa na atención a esta enfermidade.
Novos medios diagnósticos, preventivos e organizativos
O Plan de Continxencia abrangue todas as actuacións planificadas que se van desenvolver para minimizar o impacto da gripe, tanto nos usuarios como nos profesionais. Ademáis, insistiu o xerente, de garantir a adecuada organización de medios e atención asistencial nesta campaña.
Experiencia da loita contra a COVID
“A gran novidade deste ano é que contamos coa experiencia e as ferramentas que nos deixou a loita contra a pandemia da Covid“, sinalou Javier Puente. Entre eles, mencionou os novos medios diagnósticos, preventivos e organizativos. Entre eles, citou as novas técnicas PCR rápidas que se realizan aos pacientes con criterios de ingreso ou xa ingresados a fin de evitar a diseminación nosocomial das infeccións; o uso da mascarilla obrigatoria nos centros sanitarios; os novos procedementos de priorización da atención en Atención Primaria ou o establecemento de circuítos asistencias diferenciados.
Evitar as Urxencias
Como parte dos obxectivos do Plan, o xerente subliñou varios, empezando por priorizar a recepción destes pacientes en Atención Primaria, evitando os desprazamentos dos mesmos ao servizo de Urxencias; potenciar a atención non presencial en Atención Primaria, como a consulta telefónica e TELEA nos pacientes crónicos; evitar as consecuencias máis graves debidas á infección e evitar que se produzan abrochos; previr picos de demanda nos diferentes dispositivos asistenciais ou prestar a mellor atención aos pacientes con gripe coa mínima incidencia sobre o funcionamento nos hospitais e centros de saúde.
Clave: a Atención Primaria
Para isto, establécese unha cadea de niveis da atención á gripe, que sería: en primeiro lugar, os centros de saúde, que serán o eixo en torno ao que xiran todos os demais. O seguinte elo o constitúen as Urxencias Extrahospitalarias de Atención Primaria (PAC), e por último as Urxencias hospitalarias do Álvaro Cunqueiro.
Neste sentido, o xerente insitiu en que cómpre concienciar á cidadanía da importancia de que os pacientes sexan atendidos no nivel máis axeitado a súa situación clínica. Por iso é esencial que utilicen, en primeiro lugar, os recursos de atención primaria, de xeito que as urxencias hospitalarias atendan os casos de maior gravidade.
Así, lembrou que a derivación ao servizo de Urxencias do Cunqueiro debe realizarse desde a atención primaria ou desde o 061.
Reforzo de profesionais nas Urxencias
No referido á atención hospitalaria, no caso dunha situación epidémica que requirira a atención hospitalaria dunha porcentaxe de pacientes moi superior da media habitual, identifícanse dous puntos críticos nesta asistencia: a presión asistencial do servizo de Urxencias; e o nivel de rotación e dispoñibilidade das camas hospitalarias.
En relación coas Urxencias, Puente asegurou que “desde o pasado mes de abril este servizo reforzouse cun equipo asistencial máis, composto por un facultativo, profesional de enfermaría, TCAE e celador.” Na actualidade, engadiu, este equipo reforza durante 3 días á semana, pero no caso dun incremento de demanda xustificada se ampliaría ao tempo que fose necesario.
Urxencias pediátricas
En canto ás Urxencias pediátricas, “desde a pasada semana a Dirección tamén reforzou o seu cadro de persoal con 4 enfermeiras máis, e habilitou a Triaxe de enfermaría ás 24 horas“.
Urxencias de adultos
Neste eido, apuntou que as Urxencias de adultos dispoñen dunha “estrutura de gran capacidade” para asumir un elevado volume de pacientes xa que contan, entre os recursos físicos máis relacionados coa patoloxía gripal, con 2 postos de triaxe (ampliables a 3); outros 4 postos de paciente críticos; 14 postos máis de primeira valoración en zona de boxes; 56 postos de espera de resultado ou tratamento; 4 consultas médicas para patoloxía de baixa prioridade; 30 camas de observación; 2 de illados; e outras áreas como como salas de espera ou zona de preingreso .
Niveis de alerta segundo ocupación
O Plan de Continxencia establece dous niveis de alerta. Alerta Amarela , cando a ocupación na área médico cirúrxica é superior ao 95%; e Alerta Laranxa, cando a ocupación é do 100%.
Así, en función da situación da ocupación, o Plan de Continxencia contempla as seguintes medidas: priorización das altas hospitalarias e das probas e interconsultas dos pacientes hospitalizados; rexistro de prealtas polos facultativos antes das 12.00 h.; duplicación das camas das habitacións individuais que se realizará en primeiro lugar nas Unidades de Medicina Interna, Pneumoloxía, e Curta Estadía; traslados internos entre hospitais do CHUVI; axilización dos procesos de ingreso desde a Urxencia coa posta en marcha dun circuíto preferente de altas de hospitalización, limpeza, e traslado de pacientes ás plantas; e modificación da programación cirúrxica e da cirurxía sen ingreso.
Ampliación de camas e reforzo de persoal
En relación coa hospitalización, o Plan prevé que para os ingresos ocasionados pola patoloxía gripal ou asociada utilizaranse, en primeiro lugar, camas de hospitalización da área médica, e, en segundo lugar, as da área cirúrxica.
“En caso de necesidade, a flexibilidade do Complexo Hospitalario permite un incremento moi significativo do número de camas, dada a posibilidade de duplicar cunha segunda cama as habitacións individuais do Álvaro Cunqueiro”.
Ademais, aínda que nestes momentos o Meixoeiro ten diminuída a súa capacidade polas obras que se están desenvolvendo para dotalo de climatización, e que obrigan a bloquear habitacións; en caso de necesidade se ralentizaría esta obra para dispoñer desas camas.
O incremento de camas estará acompañado de reforzos de persoal en función da estacionalidade da epidemia e do nivel de alerta e de ocupación.
Prevención e vacinación
Pola súa banda, a directora Asistencial, Susana Cerqueiro, reiterou a mensaxe de que “a mellor arma contra a gripe é a prevención, e a ferramenta máis eficaz na loita contra a enfermidade, é a vacinación“. A vacina, “diminúe as complicacións derivadas desta enfermidade así como o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe”.