Acusa a Caballero de “ser unha máquina privatizadora que en nada envexa ao PP de Feijóo e Rueda”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que 6 de cada 10 euros do orzamento municipal de Vigo para o ano 2023 van parar a empresas privadas. Dende o BNG advírtese do “continuo proceso de privatizacións dos servizos públicos do Concello durante as alcaldías de Abel Caballero”. Ademáis, o seu concelleiro cuestiona a “falla de fiscalización e a complicidade do Goberno local coas concesionarias, malia os numerosos casos de incumprimento dos contratos”.
Rescate das principais concesións municipais
“Fronte a ese modelo privatizador, no BNG apostamos pola xestión pública, para que os servizos municipais non se convirtan en apenas unha fonte de negocio para empresas privadas”, defendeu Xabier P. Igrexas.
Así, o candidato do BNG á Alcaldía, reclamou a realización dun estudo para avaliar e poñer en marcha o rescate público das principais concesións municipais. Entre elas, destacou a xestión directa do abastecemento e saneamento da auga e do transporte urbano. Nesa liña, demandou a posta en marcha dunha empresa municipal de servizos, que permita executar eses rescates.
A xuízo do Bloque, “Vigo é unha anomalía no conxunto do Estado, é das poucas cidades do seu tamaño que non conta con ningunha empresa de titularidade municipal”.
O alcalde “unha máquina de privatizacións”
Igrexas acusou así a Abel Caballero de ser “unha máquina de privatizacións que nada lle ten que envexar ao PP de Feixóo e Rueda”. Así, servizos municipais como a limpeza; a recollida do lixo; o mantemento de parques e xardíns; o estacionamento regulado XER; a xestión dos centros cívicos ou mesmo a apertura das instalacións deportivas están na actualidade xestionados por empresas privadas. Ademáis, en moitas delas hai conflitos laborais pola súa negativa das a cumprir coas obrigas co seu persoal.
“Os servizos do Concello están a converterse nunha fonte de lucro para empresas cuxo funcionamento non conta coa máis mínima fiscalización, e son numerosos os incumprimentos dos pregos concesionais que se consenten de maneira cómplice e deliberada por parte do goberno de Caballero”, criticou o portavoz municipal do BNG.
400 empregos públicos sen executar
O edil nacionalista reiterou tamén a denuncia pola “grave” falla de execución das ofertas públicas de emprego desde o ano 2017. Nese sentido, subliñou que hai case 400 postos de traballo do Concello pendentes de executar sumando a oferta para este curso, que inda está pendente de convocar. “400 empregos públicos no Concello de Vigo que non existen pola falla de vontade do Goberno municipal”.
“O goberno de Caballero insiste en adelgazar até á anemia o cadro de persoal público mentres engorda cada ano, cunha cantidade inxente de diñeiro de todas as viguesas e vigueses, os petos de empresas privadas”, recriminou, de vez que alertou de que está a avanzar “perigosamente” na desaparición dalgúns servizos municipais, como o servizo de montes, parques e xardíns que vai perder este próximo catro prazas de operario que serán substituídas por postos administrativos. “O BNG non compartimos esa visión que reduce o Concello de Vigo a unha grande estrutura de xestión do negocio privado”, remachou.