“Ampliar 8 metros o seu ancho é innecesario”
Podemos Vigo vén de coñecer o proxecto de rexeneración de Samil que se executará no 2023 e que ten como obxectivo recuperar metros de praia e desprazar cara atrás o paseo que ocupará 12 metros de ancho (8 metros mais que o actual).
A xuízo dos seus responsables, o novo paseo con 12 metros de ancho “é totalmente innecesario”. Ademáis, advirten, “se levará por diante moitas das árbores que dan sombra sobre o céspede que actualmente é un espazo de recreación e lecer que utilizan moitos cidadáns”.
Así mesmo, apuntan que Abel Caballero comunicou que algúns árbores de proxectos anteriores, como as ramplas de Gran Vía ou os cedros da Ronda se conservarían ou trasplantarían, “pero polo arboricidio do Castro e da Guía, sabemos que isto non é certo”
Aproveitar a beirarrúa
Podemos propón aproveitar a beirarrúa ó carón da estrada, e dende aí, construir accesos pasarela á praia, de forma transversal que sexan accesíbeis tamén para persoas con mobilidade reducida e que cheguen ata o areal. “Estas pasarelas deben estar fabricadas con materiais reciclados para preservar o medio ambiente”.
“Precisamos un alcalde comprometido co ecosistema da nosa cidade“
Meli Vázquez, voceira de Podemos, é clara sobre este proxecto, “o Concello ten que comezar tratar ás árbores como, o que son: seres vivos que hai que coidar e protexer”. “Non hai que esquecer”, continúa, “que son un patrimonio de todas as viguesas e vigueses que ten que chegar ás seguintes xeracións, algo que parece difícil coas actuacións da actual Corporación.”
Podemos Vigo quere que o Concello aproveite esta rexeneración tendo conciencia medioambiental e atendendo ás necesidades de vigueses e viguesas. “Somos conscientes da preocupación que hai entre a cidadanía sobre todos os arboricidios que se están cometendo por iso queremos poñelo en coñecemento de Abel Caballero para que sopese o proxecto antes de executalo”.