Publicadas as bases do ‘concurso de ideas’
A delegada da Xunta en Vigo, e candidata do PP á Alcaldía, vén de anunciar a publicación este xoves das bases do concurso de ideas para remodelar o edificio dos xulgados e convertelo no novo ‘Centro de Asociacionismo’ da cidade.
O proceso lévase a cabo despois de que o Goberno galego e o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) firmasen un convenio en busca do mellor proxecto.
Auditorio, salas de exposición, de reunións ou de ensaio
Segundo inclúe o prego de condicións do concurso, o inmoble da rúa Lalín terá un auditorio con aforo para 400 persoas; unha sala de exposición; 6 salas de reunións ;5 salas de ensaio e 5 salas polivalentes, todas elas para uso por parte das asociación.
Planta baixa e da 1ª á 5ª
Esta actuación pretende habilitar locais na planta baixa e da primeira e quinta do edificio e a súa cesión a asociacións da cidade. Ademais, tamén se poderán trasladar dependencias administrativas que están a ocupar oficinas alugadas.
Os traballos poderían estenderse a outras tres plantas -os 2 sotos e o semisoto- que na actualidade se destinan a aparcamento e zona de arquivos, polo que poderían habilitarse unhas 134 dependencias.
12,6 millóns de inversión
As obras inclúen intervencións na carpintaría, revestimentos, acabados e instalacións, así como a mellora da eficiencia enerxética da envolvente do edificio. O orzamento estimado para intervir na totalidade do edificio -incluíndo as tres plantas do soto- ascende aos 12,6 millóns de euros.
Nesta contía inclúense 100.000 euros para os premios do concurso de ideas e máis de 409.000 euros para a redacción do proxecto derivado do concurso e a dirección de obra. Nos orzamentos resérvase un crédito de 3 millóns de euros co obxectivo de botar a andar o proxecto e comezar a súa posta en marcha o antes posible.