O ano pasado naceron no Cunqueiro 208 bebés prematuros
Baixo o lema “Chegou o Día” o equipo de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo conmemorou hoxe o Día Internacional do Prematuro. Con este eslogan faise referencia ao día tan esperado polos pais e nais, o momento da alta a casa dos seus fillos prematuros tras o seu ingreso hospitalario.
Enfermeiras
Neste contexto, organizouse unha xornada de Portas abertas, cunha serie de actividades divulgativas e lúdicas dirixidas ao antigos nenos e nenas prematuros e aos seus pais, así como aos proxenitores dos recén nados que neste momento están ingresados na Unidade.
Unha das charlas divulgativas, titulada “Un largo camiño”, foi impartida polas enfermeiras de Neonatoloxía, Henar Riobó e Josefa Orozco xunto coa TCAE Angeles Expósito. Con este relatorio explicaron as dificultades coas que os pais dun bebé prematuro vanse a encontrar unha vez o bebé sexa dado de alta hospitalaria, así como os seus coidados e atencións requiridas.
O doutor Marcelino Pumarada, pediatra responsable da consulta de seguimento destes nenos, ofreceu un relatorio orientado a detectar problemas a medio e longo prazo, sobre todo dos máis pequenos ou vulnerables. Tamén contouse coa intervención duns pais, que falaron da súa experiencia cos seus fillos prematuros.
Obradoiro de RCP e Patuco de honra
Por último, as residentes en pediatría Laura Barreiro e Raquel F. Patiño ofreceron un obradoiro de Reanimación Cardiopulmonar de neonatos así como as actuacións ante un atragantamento.
Pola súa banda, os representantes da Asociación de Nais e Pais de Prematuros AGAPREM, entregaron o “Patuco de honra” ao pediatra Marcelino Pumarada, para agradecerlle o seu apoio cando os pequenos son dados de alta.
28 grandes prematuros
O pasado ano naceron no Álvaro Cunqueiro 3.149 bebés, dos que 208 foron prematuros (6,6%, do total) e 28 “grandes prematuros” (por debaixo das 32 semanas de xestación), un 0,9% do total. Esta porcentaxe mantense case constante nos últimos anos.
Para lograr a súa supervivencia e adecuado desenvolvemento cerebral no Álvaro Cunqueiro desenvolvénse algunhas estratexias terapéuticas como a lactancia materna ou a presencia e implicación dos proxenitores nos seus coidados durante a súa estadía hospitalaria.