Leva acudindo a Vigo dende 1986
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo alerta do risco de que a tradicional feira ‘O Feito a Man’ non se celebre este ano polo “boicot” do Concello. Dende o BNG veñen de esixir explicacións polos “obstáculos deliberados” do Goberno municipal para facilitar unha localización idónea para a 38º edición deste evento organizado pola Asociación Galega de Artesáns e Artesás.
“Atrancos do Goberno local de Vigo”
“Facémolo despois de termos constancia de maneira directa dos atrancos inxustificábeis que o goberno de Abel Caballero está a poñerlle á organización da feira”, advertiu o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo.
Xabier P. Igrexas, lamentou que, tras varias reunións, as diferentes propostas realizadas ao Concello para realizala nunha ubicación axeitada, foran vetadas malia o descontento polo “moi mal resultado” do ano pasado, cando se viron forzados a se instalar nas inmediacións do mercado de nadal da Alameda, o chamado Cíes Market.
Dende 1986
Nese sentido, Igrexas interpelou este mércores ao Goberno municipal na Comisión Informativa de Comercio para que aclare os motivos para dificultar a realización do tradicional ‘Feito a Man’. “O BNG alertamos do risco real de que unha feira decana en Vigo, que se celebra desde o ano 1986 e que se configurou xa como unha referencia do nadal da cidade, non se vaia celebrar este ano”.
Igrexas asegurou que sería a primeira ocasión na historia que esta feira non ten lugar, coa excepción do ano 2020 que foi suspendida por mor da pandemia. “O BNG esiximos ao goberno de Caballero que cese no seu boicot ao Feito a Man para permitir que este 2022 as viguesas e os vigueses poidamos desfrutar da artesanía galega nesta feira imprescindíbel na nosa cidade”, remachou.