Os profesionais tamén advirten da falla de seguridade
A federación de Saúde da CIG denuncia que o Punto de Atención Continuada (PAC) de Pizarro, volveu quedar cun médico menos na quenda de tarde, por segunda vez nesta semana. Neste senso, amosa a súa preocupación porque a falta de persoal se converta nun problema habitual, máis cando na área hai varias vacantes sen cubrir.
So tres médicos
Dende a central sindical apuntan que a non oferta das vacantes que se xeran por traslados ou xubilacións poden empeorar cada vez máis a situación. Así, lamentan que estas ausencias de facultativos obrigaron ter que asumir o traballo con só tres médicos. “Algo de especial gravidade nun momento coma este de aumento da demanda asistencial debido as infeccións respiratorias”, sinala a secretaria comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Pilar Rodríguez.
Falla de seguridade
Por outra banda, trasladan a súa inquietude polo feito que unha persoa allea ao PAC e que no pasado ten sido fonte de conflito lograse colarse no centro durante a fin de semana. “Por iso sorprende que cando os incidentes violentos se suceden en varios centros, a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo decidise retirar ao remate do verán a seguridade contratada no PAC”.
En consecuencia, reclaman máis medidas de protección ante as situacións de violencia e “ocupación” de espazos privados dos centros. “Vemos necesario que se retome a contratación da seguridade do PAC de Vigo, medida que se podería exportar a outros centros como o PAC de Cangas, que foi noticia recentemente por varias agresións”.