Tampouco da a súa aprobación á pérgola
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Xunta, vén de informar favorablemente ao Concello de Vigo sobre a humanización da Praza de San Mauro, na parroquia de Matamá. A autorización dos técnicos está suxeita a varias condicións que teñen que reflectirse no proxecto municipal.
Dúas actuacións
O mesmo inclúe dous tipos de actuacións: as que corresponden a unha intervención sobre o espazo público e outras que corresponden a unha intervención sobre a capela, con protección integral.
Así, atendendo á solicitude, Patrimonio Cultural autoriza a actuación promovida polo Concello no relativo ás actuacións de acondicionamento da praza. Esto abrangue a nova conformación dos espazos, pavimentación, instalacións e mobiliario, agás a pérgola proxectada e todos os elementos que soporta.
Pérgola
Neste último punto, a Dirección Xeral Patrimonio Cultural considera que “a pérgola pola súa dimensión, posición e materiais non responde a eses criterios de integración e interfire na contemplación da capela que é, e debe seguir así, o elemento central que caracteriza este espazo e ten que apreciarse sen elementos que interfiran a súa contemplación”.
Capela
Ademais, a autorización indica tamén que as actuacións sobre a capela, incluso as de iluminación, deben ter un proxecto específico de intervención. Este, deberá someterse a informe da Subcomisión de Conservación do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica en Galicia.
“Calquera outra estrutura ou instalación permanente ou semipermanente, malia que sexa desmontable, que se sitúe no espazo de terraza, deberá contar coa autorización que require o artigo 39 da LPC (Lei de Patrimonio Cultural de Galicia), pola súa afección ó contorno da capela catalogada”, remata o informe de Patrimonio.