Na parroquia de San Tomé de Freixeiro
A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais urbanas cara ao río Lagares. As actuacións iniciáronse no transcurso da inspección levada a cabo por parte dos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependentes de Augas de Galicia, tras a notificación desde o Servizo de Emerxencias do 112 dun vertido na parroquia de San Tomé do Freixeiro que afectaba ao río.
Deficiencia da rede de saneamento
Os técnicos da Xunta desprazados á zona localizaron a orixe da afección denunciada nunha deficiencia na rede de saneamento municipal que discorría pola rúa Baixada a Pontenova, que ocasionaba filtracións de augas residuais urbanas cara ao curso fluvial a través do propio muro de encanamento do río.
Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Vigo para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar a achega contaminante. Así, nunha nova inspección xirada á zona con posterioridade, os técnicos da Xunta
corroboraron a reparación da infraestrutura de saneamento municipal, emendando así o vertido en condicións inadecuadas cara ao dominio público hidráulico.