Grazas a un investimento de 1,6 millóns dos fondos Next Generation da Unión Europea
A Sanidade Pública de Vigo contará con dous novos equipos de hemodinámica logo de que a Xunta adxudicase os contratos para adquirir dous novos equipos para o Hospital Álvaro Cunqueiro. Esta nova dotación tecnolóxica supón un investimento de 1.675.286€, canalizados a través dos fondos Next Generation da Unión Europea, xestionados dende o Goberno de España. Estes novos equipos, de ultima xeración e altas prestacións, virán a substituír a 2 actuais.
Servizo de Cardioloxía
O servizo de Cardioloxía conta con 3 equipos de Hemodinámica dedicados ao intervencionismo coronario e estrutural, que abarca unha serie de procedementos para as cardiopatías conxénitas e adquiridas, nas que se inclúen as enfermidades valvulares, obstrucións arteriais e venosas, ecétera…. Este servizo realiza uns 2.000 procedementos diagnósticos e terapéuticos anuais.
12 millóns en alta tecnoloxía
En total, este ano lévanse realizado un investimento de 12,2 millóns de euros na Área Sanitaria de Vigo para adquirir equipos de alta tecnoloxía.
Así, ademais das 2 salas de hemodinámica tense renovado 5 TACS por un importe de 3,2 millóns; 2 Resonancias Magnéticas, por 2,6 millóns; 1 equipo PET-TC, adxudicado por 2,5 millóns; 1 equipo de Radioloxía Vascular, adxudicado por 592.900€; e 3 gammacámaras por 2 millóns.