Conservará a maior parte dos aparcamentos
O Goberno local aprobou este xoves a licitación da humanización da rúa Pablo Iglesias, cun orzamento de case 1,3 millóns. A mesma abrangue a marxe dereita da rúa (a parte habitada), desde o seu inicio ata o número 24.
Catro meses de obras
Así, este proxecto prevé un custo de 1.289.000 euros e un prazo de execución de catro meses. A actuación prevé a mellora integral da rúa, con ampliación de beirarrúas e conservando a maior parte das prazas de aparcamento existentes.
Ademais, renovaranse as redes de saneamento, abastecemento e drenaxes así como a iluminación pública. O proxecto tamén contempla xardineiras lineais, rede de rego, novo mobiliario e sinalización.
Hoxe, tamén aprobará a licitación da pavimentación da rúa Zamora, que xa foi humanizada. Cun importe de 345.000 euros e un prazo de actuación de dous meses, vaise repoñer o firme da calzada así como a sinalización horizontal.