Tamén para parados de longa duración e menores de 14 anos
O Bloque Nacionalista Galego valorou como “insuficiente” o anuncio de conxelación do prezo do billete ordinario e das tarifas dos diferentes bonos do servizo de Vitrasa.
Por iso, o BNG reclama, pola contra, facer gratuíto o autobús para persoas perceptoras do Ingreso Mínimo Vital (IMV) e axudas sociais análogas, desempregadas de longa duración e menores de 14 anos. Aliás, tamén pide a equiparación do prezo do bono estudante co universitario para poñer fin a unha “discriminación inxusta e inxustificábel que fai que o estudantado de bacharelato ou FP teña que pagar máis caro o bus que os e as universitarias”.
Opacidade do Goberno municipal
Desde o Bloque critican tamén a “opacidade antidemocrática” coa que o Goberno municipal está a tramitar a actualización de tarifas do bus, denunciando que un ano máis non se convocou, como é preceptivo, o Consello Sectorial de Transportes, organismo consultivo do que fan parte tanto os grupos políticos, representantes sindicais, veciñais e de consumidoras, así como de empresas e organizacións profesionais.
Recuperación de frecuencias
Igrexas tamén esixiu ao alcalde, Abel Caballero, que actúe con firmeza para que Vitrasa recupere “a totalidade das frecuencias e horarios que foron recortadas coa escusa da pandemia” e que supuxo un grave prexuízo para a cidadanía.
Neste sentido, o portavoz municipal do Bloque apuntou que “temos que mellorar substancialmente o servizo de bus urbano nun momento no que é máis necesario do que nunca, para facilitar unha mobilidade sustentábel ecoloxicamente pero tamén accesíbel en termos económicos”.