O máis ‘ñu’ estará este fin de semana en Vigo nunha das parroquias máis activas e con inquedanzas culturais da cidade. Rosendo será a cabeza de cartel da décima edición do Karraskal Rock, que se celebrará o sábado no campo de fútbol de San Cosme, en Zamáns, e que incluirá a grupos como Sinkope, Baldosa Amarilla e Zenzar.
O festival naceu grazas ao traballo desinteresado dun grupo de xente da parroquia, que logrou traer nestes anos a grupos tan coñecidos como Los Suaves, Barón Rojo, e agora Rosendo. Unha iniciativa para ofrecer unha posibilidade de dar a coñecer a grupos emerxentes de aquí e despois, pouco a pouco, conseguir a xente de cartel.
A apertura de portas está prevista para as 19:30 horas, no Campo de Fútbol San Cosme, e a organización ten previsto un servizo de autobuses gratuítos dende a Praza de América ás 19:00 horas. O aforo do campo de fútbol é de tres mil persoas e a organización confía en ter máis de 2.000 persoas no recinto.
Rosendo será o encargado de pechar o festival, mentres que o grupo de O Porriño Baldosa Amarilla, que está comezando, será o primeiro en saír ao escenario. A continuación actuará o grupo coruñés Zenza, xa cunha grande experiencia nas súas costas, e posteriormente tocará os extremeños Sinkope.