As choivas produciron incontábeis danos
Salceda de Caselas estudia a posibilidade de solicitar a declaración de zona catastrófica por parte da Xunta de Galicia e o Consello de Ministros, ante os danos producidos pola incesante acumulación de precipitacións destes últimos días, que provocaron numerosas incidencias en todas as parroquias do municipio.
Danos en todas as parroquias
O Goberno municipal realizou unha primeira avaliación dos danos que se produciron. As inundacións afectaron a diferentes lugares de todo o termo municipal, producíndose derrubes, danos en vías e camiños; no alumeado público; redes de telecomunicacións; instalacións municipais; ademais de inundacións en baixos de vivendas unifamiliares e de edificios comunitarios. Así mesmo, as sendas polo desbordamento dos ríos Landres e Caselas.
![](https://www.vigoalminuto.com/wp-content/uploads/2023/01/e903a431-c6da-4b4f-bb4b-6b936357413d-1024x766.jpg)
Empresas sen actividade
A contorna industrial de O Cerquido resultou a zona máis danada, dado que estivo anegada de auga durante toda a xornada, podendo restablecerse o tráfico na estrada N550 a primeira hora da mañá deste luns. Neste lugar, numerosas empresas reportaron danos e problemas e, algunhas delas, tiveron que paralizar a súa actividade.
A alcaldesa, Verónica Tourón, sinalou que a prioridade é atender ás urxencias provocadas polos danos e, ao tempo, avaliar os danos e estudar distintas posibilidades, como a de “solicitude de declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil”.