O Concello contrata a esterilización da poboación felina
O Concello do Porriño promove unha campaña de control da poboación felina en liberdade a través da cal se esterilizarán 120 gatos que forman parte das colonias controladas no municipio.
Así, a Concellería de Medio Ambiente vén de formalizar o contrato cunha clínica veterinaria sita no Porriño que levará a cabo a esterilización de 90 femias e 30 machos. O obxectivo desta actuación é a captura dos animais para a súa esterilización e posterior solta, en aplicación do método CES ( captura, esterilización e solta) e así evitar o crecemento descontrolado da poboación felina.
Proxecto Gato
O Concello contará coa colaboración de Proxecto Gato, que se encargará, xunto coas voluntarias e voluntarios acreditados, de conseguir este obxectivo. A maiores, o Goberno local está na redacción dun convenio con esta entidade xa que entende que esta colaboración máis estreita é necesaria para poder cumprir obxectivos comúns como é a protección e o benestar dos animais.
Control ético das colonias
“Imos seguir apostando por este sistema porque permite facer un control ético das colonias”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Temos o compromiso firme de alcanzar o máximo nivel de protección e benestar dos animais, ademais de asegurar a súa convivencia coa veciñanza. Nesa liña traballamos”.
No mesmo sentido se manifestou a concelleira de Medio Ambiente, Antía Carrera, “no Porriño temos algunhas colonias felinas urbanas e periurbanas controladas e a esterilización mellora a vida dos animais e diminúe considerablemente o tamaño dos grupos”.