Ás 12:00 na Porta do Sol
A coordinadora Vigo Somos Todxs foi impulsada inicialmente por 7 asociacións que tiñan en común sentirse “ninguneadas” e “atacadas” polo goberno municipal: AVIBE; Vecinos Zona Centro; Bembrive en Pé; Vigo Histórico; Grupos en Loita; Os Ninguéns e Defensa Parque García Picher. Porén, co paso dos días máis agrupacións foron sumándose á manifestación convocada para este domingo ás 12:00 na Porta do Sol.
Un “novo modelo de cidade” onde se “escoite e respecte” aos movementos sociais
Dende a veciñanza de Tomás Alonso organizada en Gasolineras a 100 Metros ou os Xubilados de Cabral, á Salvemos a Gran Vía ou o Local Social Faísca, pasando polo Comité de Empresa de Vitrasa ou as organizacións ecoloxistas ADEGA, Ecoloxistas en Acción, Amigos da Terra ou Greenpeace. Todas coinciden en reclamar “un novo modelo de cidade” onde se “escoite e respecte” aos movementos sociais.
A maioría absoluta non pode ser excusa para non atender as críticas
No seu manifesto, que lerán na protesta conxunta do domingo, a coordinadora denuncia que “unha maioría absoluta non pode ser excusa para non negociar e para non atender as críticas dos veciños e veciñas da cidade”, criticando as “actuacións unilaterias que afectan o noso día a día e que non son consensuadas, consultadas ou participadas cos milleiros de persoas afectadas“.
“Cando non opinamos como Abel, este vai na nosa contra”
De feito, sinalan ao alcalde e apuntan que “cando non opinamos como Abel, este vai na nosa contra”, en referencia ás declaracións do alcalde atacando a varias das plataformas integrantes da coordinadora.
Ademais, todas as entidades convocantes coinciden tamén en que a cidade sofre un “grave problema de sustentabilidade”, apuntando ao “tráfico terrible que lle otorga tamén ter o aire máis contaminado de toda Galicia“. Ao respecto desta cuestión, esixen que “as zonas verdes gañen espazo ó formigón, onde as árbores sexan as protagonistas fronte o ruído, onde se priorice a calidade de vida fronte a inversión privada”.
Agrupacións de moi diversa orixe e ámbito
Entre as convocantes da manifestación atópanse agrupacións de moi diversa orixe e ámbito de actuación. Dende veciñanza do rural– agrupada en colectivos como AVIBE (Afectados Vial de Beade), Bembrive en Pé ou Xubilados de Cabral-; ata a de zonas máis céntricas como no caso de Vigo Histórico, Vecinos Vigo Centro, Salvemos a Gran Vía, Defensa Parque García Picher ou Gasolineras a 100 Metros-.
Dende asociacións contra a pobreza e a exclusión social– como Os Ninguéns-; outras en defensa do medio ambiente– como Ecoloxistas en Acción, Amigos da Terra, Greenpeace ou ADEGA-. Dende colectivos do ámbito cultural -como Grupos de Vigo en Loita-; ata centros sociais como o Faísca ou aos traballadores e traballadoras de Vitrasa. Todas elas, ademais de “outros colectivos da cidade que amosaron o seu apoio aínda sen formar parte como tal do grupo organizador”.