Fai a primeira intervención de braquiterapiade esófago de Galicia
A Unidade de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Meixoeiro ven de realizar a súa primeira intervención de braquiterapia de esófago, o que o converte no primeiro hospital galego en realizar esta técnica en neoplasia de esófago. Os especialistas fixeron público esta nova terapia fronte ao cancro con motivo do Día Internacional Contra o Cancro.
Simulación e planificación 3D
A realización deste procedemento foi posible grazas á colaboración dun equipo de profesionais multidisciplinar así como á nova dotación tecnolóxica, que incorpora numerosas novidades diagnósticas e terapéuticas, empregando un endoscopio desbotable de última xeración, así como innovadores sistemas de visualización, simulación e planificación 3D.
“As características desta técnica de braquiterapia “intraluminal” fan posible que sexa un tratamento eficiente e con claros beneficios en tumores de esófago xa irradiados ou localizados de forma moi superficial, e tamén en pacientes que teñan contraindicadas outro tipo de terapias. Ademais, ofrece grandes vantaxes fronte a outros tratamentos, como a posibilidade de realizarse en poucas sesións, de 3 a 6 dependendo do caso, unha maior facilidade para administrar o tratamento de forma localizada, e unha eficacia situada entre o 60-100% de control da enfermidade”, explica o xefe da Unidade, o doutor Víctor Muñoz.
Equipo humano de excelencia
O equipo multidisciplinar que levou a cabo esta intervención componse de profesionais dun gran nivel de diferentes especialidades, polo que cómpre destacar a súa excelente coordinación e dispoñibilidade.
A endoscopista do servizo de Dixestivo do Hospital Álvaro Cunqueiro, a doutora Nereida Fernández, foi a encargada de dirixir a intervención, na que participaron especialistas de Oncoloxía Radioterápica, Radiofísica e Neumoloxía, e que foi asistida polos equipos de Enfermaría de Dixestivo e de Oncoloxía Radioterápica así como por Técnicos superiores en Radioterapia.
Máxima precisión en medicina personalizada
A braquiterapia é un tipo de radioterapia interna na que se coloca unha fonte de material radioactivo directamente en contacto ou dentro do tumor a tratar. As vantaxes que ofrece esta técnica son numerosas, pois permite un maior control tumoral; é menos prexudicial para os órganos sans e non require hospitalización, polo que a calidade de vida do paciente apenas se ve afectada. En conclusión, é un tratamento personalizado e de máxima precisión.
Dende o ano 2000
A Unidade de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Meixoeiro comezou a empregar este tratamento no ano 2000 atendendo, nun primeiro momento, tumores xinecolóxicos e de mama, e ampliando progresivamente as posibilidades de tratamento a outras doenzas como cancro de próstata, pel e bronquios.
Anualmente atenden ao redor de 180 doentes, a maioría con cáncer de próstata ou xinecolóxico, aos que se lles realizan unha media de 3 procedementos por paciente. Isto supón unhas 500 sesións anuais. Así, este tipo de procedementos sitúan á Unidade como referente en Galicia dende o ano 2010.