Chegará ata o IES de Teis
O Consello da Xunta acordou este xoves a aprobación do proxecto de construción das obras da 2ª fase da humanización da avenida de Galicia, na parroquia de Teis.
4,1 millóns de euros será o investimento que o Goberno galego destinará a esta 2ª actuación na estrada PO-323, no que se inclúe o pagamento dos 54 predios necesarios para a execución dos traballos de entrada na cidade.
Declaración de utilidade pública
Así, a aprobación definitiva deste proxecto por parte do Goberno galego leva tamén aparellada a declaración de utilidade pública, pola que se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para executar esta nova intervención. A mesma, como sinalará no seu día a conselleira de Infraestruturas, ten como obxectivo fomentar a mobilidade sostible na zona.
A finais de 2022 publicouse o concurso público para a 1ª fase desta humanización, por preto de 2,5 millóns de euros que xunto coa 2ª sumará unha inversión total de case 6,5 millóns.
Ata o IES de Teis
En concreto, esta 2ª fase de humanización céntrase no treito de 1,56 quilómetros comprendido entre o límite municipal de Vigo co concello de Redondela ata o IES de Teis. Así, o obxectivo final será o reforzo da seguridade viaria, priorizando os peóns.
Novos aparcadoiros e 75 prazas máis
En canto aos novos aparcadoiros, está previsto dotar tres novas zonas cun total de 167 prazas, o que unido ás prazas que se conservarán nas marxes da estrada, isto supón que haberá 273 prazas. Así, gañaranse 75 con respecto ás 198 actuais.