É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másO Porriño pechou 2022 co maior remanente da súa historia: 13 millóns de euros
E 2 millóns menos de facturación pendente de pago
E 2 millóns menos de facturación pendente de pago
O Goberno Municipal do Porriño deu conta hoxe ao Pleno da liquidación das contas do ano 2022 en cun remanente de tesourería de 13 millóns de euros e unha conta pendente de pago de facturación de 3,1 millóns, máis de 2 millóns de euros descontados da facturación pendente de pago deixada polo anterior executivo que ascendía a 5,6 millóns de euros.
“Estas cifras permítennos concluír que se están a facer as cousas correctamente e que a xestión dos recursos propios e dos das restantes administracións está a ser eficiente”, afirmou o alcalde, Alejandro Lorenzo. “Imos no bo camiño, sentamos as bases que permitirán encarar os próximos anos con capacidade de actuación e de inversión, que é o que a xente necesita, unha administración solvente”.
Aumento de partidas orzamentarias
Seguindo esta liña de traballo, a sesión plenaria celebrada esta tarde tivo un marcado carácter económico, aprobando modificacións orzamentarias de aumento de partidas orzamentarias que atinxen ao persoal municipal, a servizos como o Oral, o Servizo de Axuda no Fogar, a xestión da Piscina Municipal ou a recollida de lixo, así como ás subvencións nominativas a asociacións e clubs deportivos.
O Festival de Cans recibirá a maior aportación municipal nesta edición
“Traballamos cun orzamento prorrogado dende o 2018 despois de que o resto dos grupos municipais tumbaran a nosa proposta de Orzamento, a única que se presentou dende entón, e obviamente esas contas non se axustan á realidade actual en moitas cousas”, continuou Lorenzo. “Urxe aprobar un orzamento, para o que necesitamos maioría, pero non imos deixar de prestar os servizos aos que á veciñanza ten dereito porque a oposición non nos aprobe os Orzamentos e por iso recurrimos a modificacións que den solución a este problema no presente exercizo económico”.
É o caso, por exemplo, das subvencións nominativas a asociacións e clubs deportivos incluídas no orzamento vixente que deixan en moitos casos a estas entidades sen financiación para desenvolver a súa actividade. Con tal motivo, hoxe aprobouse no pleno unha modificación que permite ampliar e actualizar estas axudas, nas que se invertirá un total de 712.251 euros.
“No caso da AC Arela, organizadora do Festival de Cans, a axuda municipal incrementarase en 25.000 euros para que poidan facer fronte aos gastos derivados da organización do certame. A actual dotación económica na aplicación orzamentaria é de 20.000 euros e con este incremento alcanzará os 45.000 euros”, explicou o rexedor, “O Festival de Cans goza de gran recoñecemento a todos os niveis e cada vez ten máis repercusión e relevancia, o Concello do Porriño ten que estar á altura”.