Caían tellas sobre o patio, que estaba precintado
A Concellería de Vías e Obras do Porriño vén de acometer os traballos de limpeza e reparación da cuberta do CEIP Cruz Budiño, ante o risco de que se produciran danos persoais pola caída de cascallos do tellado do centro.
Mal estado da cuberta
As malas condicións meteorolóxicas dos últimos meses puxeron ao descuberto o mal estado no que se atopa parte da cuberta deste centro escolar. “Dende a dirección do colexio trasladaron ao Concello o problema co que se atopaban, xa que se estaban a desprender tellas que caían ao patio, polo que este permanecía precintado para que os cativos non accederan á zona polo perigo que entrañaba”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Había anacos de tella soltos na cuberta que cun simple refacho de vento podían caer”.
Ante esta situación, acordouse actuar de maneira urxente e proceder á limpeza do tellado e reparación das partes danadas. Tal e como explicou o concelleiro, Ramón Porto, “estas melloras realizáronse con medios propios. A seguridade dos nenos e nenas é unha cuestión prioritaria e hai que facer o preciso, non se pode dilatar no tempo”.