Rexeita o recurso de casación presentado por Mos
A sala contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestima o recurso de casación cursada polo Concello de Mos e ven de confirmar así o dictamen anterior do mesmo Tribunal que declaraba ilegal a construcción da cidade deportiva do celta en montes comunais.
Ilegalidade das licencias
A Comunidade de Montes de Tameiga declárase satisfeita ca resolución do Tribunal Superior que “reafirma a ilegalidade das licenzas concedidas polo Concello para a construcción da Cidade Deportiva do Celta”. Lembran que “o Goberno local de Mos permitiu o despropósito urbanístico” da construción dun edificio de case 3.000 m2 , cando pola cualificación do solo rústico de especial protección, só podían construirse uns pequenos vestiarios e almacéns.
Sen cobertura legal
Así, dende a Comunidade de Montes subiñan que a cidade deportiva segue carecendo a día de hoxe de ningunha cobertura legal, xa que “está recurrido o intento de Nidia Arévalo de legalizar despois de construída, mediante un Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas Deportivas”.
“A cidade deportiva é ilegal. A sentenza é firme. Agardamos que pronto se execute a sentenza e restitúa a legalidade urbanística” declara Cesar Lago, presidente da Comunidade de Montes de Tameiga. Así mesmo, indica que tamén Ecoloxistas en Acción, a Asociación Veciñal A Portela de Tameiga e tanto o Partido Socialista como o BNG instaron á xustiza a actuar contra este “despropósito urbanístico do goberno local de Mos en montes comunais”.
Complexo de hoteis, restaurantes e xogos recreativos
Ademais subliñan que “se fala sempre dunha cidade deportiva e que renunciaban ao macro centro comercial, pero no proxecto Galicia Sport 360 que presentou o presidente de Celta, Carlos Mouriño, quedounos claro que é un proxecto da industria do ocio e que os campos de fútbol son a excusa para expropiar o monte comunal e logo recalificalo para poder construir un complexo de hoteis, restaurantes, cafeterías e xogos recreativos”.
Parabéns ás veciñas e veciños
A xunta reitora de Tameiga parabeniza a toda a veciñanza comuneira que “durante estes máis de catro anos de loita non cederon as ameazas e insultos nin a campaña de acoso mediante denuncias instigadas pola alcaldesa do Partido Popular, principal promotora deste despropósito urbanístico”.
“Instamos a Nidia Arévalo a que recoñeza a ilegalidade das licencias concedidas polo seu goberno e pida desculpas á veciñanza de Mos” indica Cesar Lago, presidente da Comunidade de Montes de Tameiga. “A veciñanza comuneira agarda que esta sentenza serva ademais de exemplo para todos aqueles que desde as administracións pensan que poden obrar por enriba da lei e para as empresas que operan con prácticas tan pouco éticas como as do presidente do Celta, Carlos Mouriño”.