Sera unha realidade no curso académico 2024/2025
A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo abordaron este xoves a proposta de creación da futura Facultade de Enfermaría, unha gran demanda da institución provincial que por fin será unha realidade e coa que a Escola de Enfermaría de Pontevedra, ao igual que as de Meixoeiro, en Vigo, e Ourense, pasarán a formar parte ao 100% da Universidade a partir do curso académico 2024/2025.
Así, o Pazo provincial acolleu un encontro no que participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e mais o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, co fin de avanzar na aspiración de integrar as tres escolas de enfermería adscritas á Universidade viguesa, como centros propios da Universidade. A proposta xa foi aprobada no claustro e debaterase este venres no seu Consello de Goberno.
“Suma de vontades”
Carmela Silva, asegurou que “isto é posible grazas á suma de vontades da Universidade de Vigo, a Deputación de Pontevedra, a dirección, profesorado e alumnado da Escola de Enfermería e a Xunta”, que, sinalou, “traballaremos xuntas e xuntos no percorrido que queda para que no curso 2024/25 comece a funcionar esta Facultade de Enfermería, cuxa creación é fundamental para a nosa provincia”.
Para iso, a presidenta provincial asegurou que “imos poñer unha alfombra vermella, dando todas as facilidades, e seguiremos financiando a Escola ata que finalice todo o proceso de creación e de posta en marcha”. O mesmo, engadiu, non rematará no primeiro curso como facultade, senón que tardará aínda uns tres ou catro anos, “porque cremos que temos que poñernos a carón da Universidade e traballar coa Xunta para conseguir algo tan importante e que a fin de contas é para o ben común”. “Todo o que nos formule a Universidade vai ter un si como resposta”, asegurou.
Alumnado universitario que participe na vida universitaria
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asegurou que “queremos que o alumnado pase a ser 100% da Universidade e polo tanto poida participar ao 100% na vida universitaria e non dun xeito vicario”. Ademáis, sinalou, por exemplo, que na actualidade non poden escoller a reitoría.
O proceso de creación da Facultade “é longo, pero todas as partes implicadas estamos comprometidas e na Universidade levamos tempo traballando para a implantación do máster de enfermería que permitirá que o inicio da facultade en 2024/25 sexa non só co grao único senón tamén xa con este mestrado”.
Ademais, a UVigo tamén está traballando “na aspiración de ter un programa de doutoramento propio para que a facultade inclúa todos os títulos posibles de formación docente e investigadora de gran calidade”. Tamén, durante o período de adscrición directa, “poremos en marcha un programa de formación para que o persoal marabilloso deste centro acade o título de doutor/a e competencias en investigación”, sinalou Manuel Reigosa.