Acusan ao alcalde de gastar millóns en contratar bandas internacionais para saír de “teloneiro”
O Concello de Vigo anunciou antonte aos medios de comunicación que a reapertura de Vigosónico despois de 3 meses de peche, que tería lugar este martes. Os usuarios das salas de ensaio municipais, por outra banda, tiveron que enterarse da mesma pola prensa, xa que “non se enviou nin se chamou a ningunha das bandas para comunicar dita apertura”. Tampouco o peche das instalacións en febreiro lles foi comunicado en ningún momento, tivendo que enterarse informalmente do mesmo por parte do anterior persoal.
Grupos de Vigo en Loita
Para a plataforma Grupos de Vigo en Loita, que abrangue aos usuarios e usuarias do espazo e a outras músicas e músicos vigueses, isto é só “un capítulo máis da historia de nula comunicación do Goberno local coas bandas, cando non directamente de desprezo e ataques directos“.
Así, este martes 10, o día da reapertura do espazo, aínda non houbo ningún ensaio, xa que non se chegou a contactar coas bandas que ensaiaban ese día. “Onte pola tarde comezaron aínda a chamar ás bandas que ensaiaban os mércores, polo que en principio será hoxe cando poidan comezar por fin os ensaios, e coas bandas que ensaian o resto de días aínda non se puxeron en contacto” engaden dende a plataforma.
Baixada de 28.000€ no orzamento anual
“A responsabilidade disto non é das novas traballadoras, por suposto, senón do Concello, elas xa teñen suficiente con ter que traballar cun orzamento minúsculo“, indican dende Grupos de Vigo en Loita en referencia ao descenso de 28.000€ do orzamento anual con respecto ao que tiña o espazo antes da pandemia. Así, a dotación anual ao espazo agora será de 85.000€, e, sendo o contrato anual aprobado prorrogable dous anos máis, o total será de 250.000€ en tres anos.
“Equipo vello e defectuoso”
Grupos de Vigo en Loita amósase desconfiado coa situación en que se atoparán as instalacións logo de tres meses pechadas: “xa antes a meirande parte do equipo estaba vello e defectuoso, sen renovar dende 2011, a ver agora despois de 3 meses collendo po”. “Ademais, con este orzamento tan reducido, o estudio de gravación vai ficar en total desuso unha vez máis” engaden. “Unha cantidade inmensa de diñeiro público foi invertida nun estudio de boa calidade, pero as veces que foi empregado en 12 anos cóntanse cos dedos da man, e non se usou nunca dende a pandemia pola falta de persoal e medios”, sinalan en referencia ao estudio de gravación do que dispón o espazo.
Pagado con diñeiro das viguesas e vigueses
“O alcalde fala en todas as súas as intervencións públicas como se as salas de ensaio de Vigosónico fosen un favor que nos fai e non un servizo pagado co diñeiro das viguesas e vigueses”, critican os músicos. “Ademais, sempre di que en Vigosónico temos un estudio de gravación á nosa disposición, cando a realidade non se usou case nunca, e nin unha soa vez dende a pandemia”, recalcan. Para eles, o problema reside en que “Caballero descoñece totalmente a situación de Vigosónico, o que se fai alí e as súas bandas, porque a súa desidia cara a escena musical viguesa é total, el só se preocupa de facer contratos millonarios a bandas internacionais para saír el de teloneiro”.
Dende 2022
A plataforma Grupos de Vigo en Loita xurdiu a principios de 2022 para esixir a reapertura de Vigosónico, que levaba pechado dende o inicio da pandemia de covid 19 e non reabrira a pesar de que as salas de ensaio privadas e as municipais doutros concellos si reabriran moito tempo antes. “Foron as nosas protestas as que obrigaron ao Concello a reabrir o espazo, senón tería pasado o mesmo que coas salas da Casa da Xuventude ou as de Súbete ao Castro”, sinalan en referencia a outros espazos similares que foron pechados durante os gobernos de Abel Caballero na cidade. As céntricas salas de ensaio do Castro pecharon en 2014 para arranxar un problema de goteiras, pero non volveron reabrir, sen que se dese ningunha explicación ao respecto.
“Estamos convencidos de que, de non existir a nosa plataforma, Vigosónico tería pechado definitivamente unha vez máis, pois a protesta é o único xeito de conseguir cousas neste Concello“, denuncian dende a plataforma. “Por exemplo, o anuncio de que se abriría o concurso para adxudicar o espazo durante 3 anos realizouse o mesmo día da manifestación que convocamos co resto de colectivos de Vigo Somos Todxs“, indican en referencia á convocatoria conxunta de diversas asociacións viguesas que pedían unha reunión co goberno local para comunicarlle as súas demandas.
Sen concurso público
Dende a primeira reapertura das salas de ensaio de Vigosónico a mediados de 2022, o Concello abriu o espazo sen convocar concurso para adxudicalo, unha situación que se prolongou ata principios de febreiro de 2023, cando, unha vez anunciado dito concurso, o espazo pechou sen previo aviso ata que este estivese resolto. Grupos de Vigo en Loita continuou a súa actividade todo este tempo denunciando as condicións do novo servizo e tamén denunciando os peches de concertos en Vigo por parte da Policía local, algo que ocorreu entre outros nun concerto reivindicativo organizado pola propia plataforma en xuño de 2022.