Talía Teatro subirá ás táboas do Auditorio do Centro Cultural Caixanova de Vigo o próximo domingo, día 4 de outubro, ás 20.30 horas, para representar a súa versión da obra ‘Palabras encadeadas’, de Jordi Galcerán.
Desde que iniciaron os seus pasos hai vinte anos, a compañía galega Talía Teatro puxo en escena 25 montaxes, todos eles caracterizados pola súa preocupación pola recuperación dos autores fundamentais dentro da dramaturxia galega, pero sen esquecer a presenza de autores contemporáneos e a incorporación de grandes nomes de dramaturgos universais de todos os tempos. A compañía realiza as súas montaxes en galego, pois a través das manifestacións artísticas contribúese a manter viva a nosa lingua.
- ‘Palabras encadeadas’
É unha obra escrita por Jordi Galcerán, que versiona Talía Teatro baixo a dirección de Artur Trillo. A interpretación corre a cargo de Toño Casais e María Ordóñez. A través do xogo das ‘Palabras encadeadas’, no que a partir da última sílaba dunha palabra calquera debe comezar a seguinte, os personaxes definen un thriller psicolóxico no que se pon a súa vida nunha balanza, cos seus medos, rancores, etc. Nesta ocasión Talía Teatro aposta por un espectáculo de pequeno formato dirixido a un público adulto.