Tampouco confirmación de que vaia a ter libros
Este pasado luns, día 22, unha representación das ANPAS de Teis, mantivo unha xuntanza co concelleiro de Educación Gorka Gómez e a candidata a concelleira Olga Alonso, para tratar sobre a situación do proxecto da Biblioteca da parroquia.
“Esta xuntanza era para mantela con Abel Caballero, pero por motivos que descoñecemos, o alcalde non estivo presente, delegando no concelleiro de Educación”, sinalan dende a ANPA.
As obras non comezarán ata 2024
Como é ben coñecido, os colectivos de Teis, levan “anos solicitando unha xuntanza con Abel Caballero”, para tratar sobre esta dotación e, “despois de 9 anos do compromiso de construír unha biblioteca, informóusenos que aínda o pasado 5 de maio deste ano procedeuse á compra do edificio onde estará a mesma e que está previsto a realización do proxecto nos próximos meses para empezar a construción a principios do ano 2024”.
Sen garantías de que vaia a ter libros
Nesta xuntanza, subliñan dende a ANPA, “confirmouse que o goberno municipal carece dun proxecto para a biblioteca de Teis e que non hai uns prazos reais para a súa construción”. Ademáis, engaden, tampouco garantiron que fora a ter libros, “como vimos demandando, pois non aceptamos unha simple sala de lectura”.
O goberno municipal leva anos anunciando a remodelación deste edificio, o último anuncio é que as obras comezarían en 2021 para estar en funcionamento en 2022. O alcalde, adiantou o proxecto da biblioteca xa en 20 ocasións.
“Os colectivos xa estamos cansos de anuncios, infografías e enganos, pois como se acaba de confirmar está semana a biblioteca de Teis, a día de hoxe só é un anuncio”. Por iso, piden que se lles informe de todos os pasos próximos e ser partícipes do proxecto, para poder unificar ideas e expoñer as necesidades que Teis ten como barrio, para así lograr que a biblioteca sexa un espazo de dinamización para todos os veciños.
Aínda que a esta reunión só acudiron, por petición do alcalde, unha representación das ANPAS, “esta petición de biblioteca está apoiada pola Asociación de Veciñal de Teis e Voces polo litoral, as cales levan moitos anos loitando por conseguir a biblioteca”.