Galicia Vigo al minuto

O BNG esixe ao goberno de Vigo que aclare se tiña un acordo previo para patrocinar o concerto de Guns N’ Roses

Reclama a comparecencia da concelleira de Contratación

O BNG esixe ao goberno de Vigo que aclare se tiña un acordo previo para patrocinar o concerto de Guns N’ Roses

O Bloque Nacionalista Galego esixe ao Goberno de Vigo que aclare se tiña un acordo previo para patrocinar o concerto de Guns N’ Roses. Para iso, o portavoz do grupo municipal do BNG vén de rexistrar un escrito para demandar a comparecencia da concelleira de Contratación, na vindeira Comisión Informativa prevista para este mércores. Dende o Bloque tómase esta decisión ante as informacións publicadas polo xornal ‘El Salto’ que apuntan a que a licitación deste patrocinio, que resultou deserta, foi unha “simulación” acordada previamente coa promotora.

A xuízo de Xabier P. Igrexas, “este procedemento estivo envolvido en claros indicios de irregularidades, tanto no que ten a ver coa súa formulación legal como co propio obxecto do pretendido patrocinio“. Así, subliña o voceiro do BNG que “as singulares condicións” recollidas nas bases da licitación “limitaban na práctica” o acceso a esta convocatoria ao concerto da banda estadounidense.

Patrocinio

Dende o BNG reclaman que o Goberno local informe de se existía ou non algún preacordo, tácito ou expreso, coa promotora do concerto para garantirlle un patrocinio “a cargo de recursos públicos do Concello”. Se así fose, Igrexas pide que se explique qué clase de patrocinio, cal era o seu obxecto e quen deu as instrucións para realizar o mesmo. A necesidade desas explicacións é maior considerando que as informacións xornalísticas aseguran que ese patrocinio era o “principal aliciente” para que Guns N’Roses actuase en Vigo, fronte a outros destinos cunha rendibilidade maior.

También te puede interesar