Non hai acordo…aínda. Na segunda reunión da rolda de negociacións entre PP e ACIP para artellar un goberno en Ponteareas, as dúas formacións tampouco avanzaron.
Dende o Partido Popular aseguran que “lonxe de asumir os resultados das urnas – PP 7(+2); BNG 6(-3); ACIP 4 (0); PSOE 2(-1); IP 1(+1) PEC 1 (+1)– e de continuar cunha negociación á altura da esixencia política, o grupo de Juan Carlos González mostrouse inflexible e inmobilista rexeitando a proposta realizada polo PP, que oferta a tenencia de alcaldía e concellerías“ para rubricar o acordo.
Así, apuntan os populares, nunha reunión que se prolongou arredor de media hora na sede do Partido Popular, o equipo de Nava Castro volveu a poñer sobre a mesa a intención de chegar a un acordo de estabilidade para a próxima lexislatura pero “de novo ACIP rexeitou seguir dialogando para formar goberno”.
Un acordo posible
Nava Castro confía nas opcións de gobernar en coalición, e insta á responsabilidade de ACIP para “deixar a un lado os intereses personalistas” e antepoñer o ben común da cidadanía. “Hai tempo dabondo para pasar páxina e formar parte dun goberno forte, estable e solvente, en lugar de negarse a chegar a un acordo”.
O PP non desbota a opción real de gobernar en minoría o Concello ata 2027.