Loli Castiñeira volverá este sábado á Alcaldía de Salceda. Os votos dos 4 concelleiros do seu grupo, Movemento por Salceda, os 2 do PSOE e 1 do BNG, sumarán a maioría que pechará a chegada ao goberno municipal do Partido Popular, que lograra 6 representantes nas pasadas Eleccións Municipais.
Acordo PSOE -BNG
BNG e PSdeG-PSOE pecharon hoxe un acordo conxunto para apoiar a investidura da candidata de Movemento por Salceda. Así, indican, considerando que na xestión municipal “deben poñerse por diante os intereses xerais da veciñanza”, dan o seu apoio a cambio de varias condicións.
Economía, sanidade, educación, saneamento, Plan Xeral e persoal
Entre elas a de mellorar a situación económica do Concello; así, esixirán o cumprimento do plan de axuste, para non reverter a situación acadada tras a sinatura do mesmo. Impulsando ademais medidas de boas prácticas para a xestión económica do Concello, como os contratos anuais de servizos e subministracións baixo criterios de sustentabilidade e economía.
Ademáis, resaltan ambas formacións políticas na necesidade de impulsar solucións para mellorar a situación da sanidade, en especial a da pediatría. Así como a continua mellora dos centros educativos e a execución de saneamento. Sen esquecer a necesidade de esixir a construción de vivenda protexida nos terreos habilitados para ese fin.
Tamén no documento recóllese a elaboración do Plan Xeral realizado entre todas as organizacións políticas que forman parte da corporación e contando coa participación veciñal. Por último, garantir a continuación dos procesos de contratación e estabilización de persoal municipal.
Dende a dirección local de ambos partidos considérase que este acordo é unha “mostra da capacidade de diálogo e entendemento das dúas formacións que antepoñen o benestar de veciñanza a calquera outro interese”.