15 embarcacións e 62 mergulladores e persoas voluntarias convocadas por Afundación traballaron na retirada de residuos nos fondos e pantaláns do Porto Deportivo da Confraría de Pescadores de Bouzas; do porto Asociación de Mariñeiros San Miguel; , e en zonas limítrofes na Ría de Vigo, no marco do programa PLANCTON.
Baterías de coche, tellas, mangueiras e ata un saco con 5 quilos de patacas
Nesta nova limpeza participaron submarinistas que se mergullaron para retirar lixo dos fondos. Atoparon fundamentalmente pneumáticos, cabos, cordas e outros aparellos relacionados coa actividade pesqueira pero tamén outros vinculados á actividade en terra como unhas gafas; unha papeleira; unha batería de coche; tellas e taboleiros de obra; unha malla metálica de 30 metros; mangueiras; unha barandilla de obra e ata un saco con 5 quilos de patacas dentro.
Máis de 45 toneladas de refugallos
Logo desta limpeza, son xa máis de 45 as toneladas de refugallos retirados no marco de PLANCTON en distintos puntos da costa de Galicia, 20 no que vai de ano. Neste contexto, e ao longo de todo este mes de xuño, no que coinciden varias efemérides ambientais como o Día do Medio Ambiente e o Día Mundial dos Océanos, que se conmemoraron a pasada semana, ou o Día das Xentes do Mar que se celebrará o vindeiro 25 de xuño, a Obra Social de ABANCA ven organizando distintas actividades, como as recentes limpezas realizadas nas praias de Samil e da iIla de Cortegada.
O obxectivo de todas as accións e en xeral do proxecto é fomentar a conservación e a sostibilidade das actividades socioeconómicas realizadas no mar, tratando de promover a súa vez entre a sociedade, xeitos de actuar responsables que permitan manter os recursos sen chegar a comprometelos para as xeracións futuras.