O avance nas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 fará necesarios novos cortes de tráfico a partir deste mércores. Estes cortes, que comezarán ás 10:00 horas e rematarán previsiblemente en setembro, realizaranse nos ramais de entrada e saída do enlace do quilómetro 30 en sentido Vigo da autovía A-55.
Así, para garantir a circulación do tráfico habilitaranse desvíos alternativos que estarán debidamente sinalizados. Dende a Consellería de Infraestruturas salientan que o peche da circulación é necesario para construír o novo ramal directo de conexión coa estrada N-551, así como o ramal de entrada sentido Vigo.
Rematadas ao 79%
As obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55 e o polígono de Areas, que contan cin investimento de 30 millóns de euros, acadan un grao de execución do 79%. Máis polo miudo, os traballos de movemento de terras acadan o 85% de execución total; os recheos, o 88%; os firmes, o 55%; e as drenaxes, o 56%.
Ademáis, tamén se atopan avanzadas as estruturas, xa que a execución dos pasos superiores rolda o 95%; a dos inferiores xa acadou o 100%; e a dos muros achégase ao 75%.