A maxia da noite de San Xoán trasladarase o sábado ao Auditorio Mar de Vigo coa presentación do novo traballo de Sílvia Pérez Cruz. A artista catalá, Premio Nacional das Músicas Actuais no 2022, desgranará sobre as táboas do recinto vigués o seu sétimo traballo de estudio, “Toda la vida, un día”, onde repasa as etapas da vida, desde o nacemento ao “renacemento”, pasando pola mocidade, a madurez e a vellez.
Desde moi nova, Sílvia dedicábase a acompañar a seu pai en pequenos concertos na taberna “La Bella Lola” mentras cursaba estudos musicais desde os 4 anos. Estudos que cursou ata facerse profesional chegando a colaborar con artistas como Jorge Drexler, Joaquín Sabina, Macaco ou Kiko Veneno, entre outros.
Agora, uns cantos anos despois de publicar o seu primeiro traballo en solitario, “11 de novembre” (2012), Sílvia reaparece co seu álbum máis ambicioso ata a data, “Toda la vida un día”, que representa unha nova etapa na súa carreira. Este disco leva xestándose desde 2020 e o seu xerme foi un poema de William Carlos Williams: “Aterrados / buscan una flor familiar donde guarecerse / y les asusta la inmensidad del campo”.
Este novo álbum, composto por 21 pezas nas que colaboran artistas como Natalia Lafourcade, Liliana Herrero, Salvador Sobral ou Rita Payés, conta diversas historias e á vez representa unha vida enteira: un círculo que empeza e se pecha, con 5 movementos/momentos: a infancia, a procura dos sons, a madurez, a idade adulta e o último, o renacemento.
Así, estamos ante unha obra conceptual cuxa escoita seguida enriquécese ao comprender a historia que Sílvia Pérez Cruz presentará este sábado 24 de xuño no Auditorio Mar de Vigo ás 21.00 horas. As poucas localidades que quedan dispoñibles están á venda a través de www.teuticket.com