Nada de ‘sala de lectura’ sen libros. O BNG esixe que Teis teña unha verdadeira biblioteca, o que ven sendo, como a Real Academia Galega, un “edificio onde está reunido un conxunto grande de libros para poder lelos”.
Así o trasladaron os flamantes concelleiros do Bloque a representantes da Asociación Veciñal de Teis e das Anpas do barrio… “a quen o propio Goberno municipal recoñeceulles que non ten intención de poñer en marcha unha biblioteca”.
Así, o voceiro municipal do BNG apuntou que “son máis de 9 anos de promesas, de máis de 20 anuncios por boca de Abel Caballero, que se van converter nunha verdadeira estafa á veciñanza de Teis”. Na mesma xuntanza Xabier P. Igrexas e Ana Martínez trasladaron a súa indignación perante o “engano” da “promesa incumprida por parte do Goberno municipal” e manifestaron a súa intención de seguir a reclamar a biblioteca.
Necesaria para Teis
Igrexas insistiu en que Teis “merece e necesita” esta dotación e non un espazo sen libros, “como as salas de lectura abertas polo Goberno local durante os últimos anos”. Ademais, o voceiro nacionalista advertiu de que o proxecto de Abel Caballero quere reducir substancialmente as dimensións do actual inmóbel (o antigo ambulatorio de Teis) que prevé demoler para a nova construción.
100 metros cadrados menos de superficie
Así, dende o BNG reprocharon que vaia contar con 100 metros cadrados menos de superficie e un 30% menos de postos de lectura que a única biblioteca municipal existente, a Neira Vilas no Calvario, impulsada polo BNG no ano 2011 cando xestionaba a área de Cultura. Un proxecto que, subliñou Igrexas, apostan por retomar co obxectivo de despregar unha rede municipal de bibliotecas en todos os barrios e parroquias da cidade.“Xa abonda de tanta tomadura de pelo”, asegurou Igrexas. “O BNG trasladamos o compromiso de que imos seguir dando a batalla para que Teis teña a biblioteca e para avanzar nunha política que democratice de verdade o acceso á cultura para toda a veciñanza de Vigo”, engadiu.