Dez menores ucraínos, nenas e nenos de entre 9 e 11 anos, participarán desde este vindeiro sábado, 1 de xullo, e ata o día 31 no primeiro dos dous campamentos de verán, un en xullo e outro en agosto postos en marcha pola Deputación de Pontevedra.
Os mesmos xurden ao abeiro da iniciativa do Comité Europeo das Rexións e a Asociación de Cidades de Ucraína, encabezada polo alcalde de Kíiv, Vitali Klichkó, e liderada en España pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Así, estes campamentos teñen o obxectivo de apoiar ás nenas e nenos que están a sufrir as consecuencias da guerra.
Estas sete rapazas e tres rapaces, que proveñen da cidade de Pervomaiske (con máis de 60.000 habitantes), moi próxima á zona de conflito.
O grupo, que vén acompañado dun adulto experto en traballo social, residirá nun espazo dentro do Centro Príncipe Felipe preparado para que teñan todas as comodidades dun fogar convencional. Contarán con servizo médico, atención psicolóxica e un servizo de tradución e prevese que neste mes de estancia poidan coñecer a cultura e o territorio da provincia de Pontevedra.
Visitarán Vigo
Ao longo das catro semanas, realizarán actividades de tempo libre en torno a valores universais como a convivencia, o coidado do medio ambiente e a igualdade, e tamén de coñecemento lingüístico. Entre elas figuran saídas a contornas como A Lanzada, Lapamán, Cabo Home, Combarro ou as cidades de Vigo e Santiago de Compostela.