O Bloque Nacionalista Galego insta a Concello e Xunta a rexeitar a ocupación de case 60.000 m2 de lámina de auga para fondear até 160 embarcacións de recreo en Canido. Dende o BNG demandan a ambas administracións que se opoñan a estas dúas autorizacións da Autoridade Portuaria de Vigo, que se pretenden aprobar este venres, por supoñer unha “ameaza” ambiental e para as actividades de pesca artesanal e marisqueo da zona.
“Esta decisión procura legalizar o fondeo irregular que desde hai xa demasiado tempo se vén realizando a carón do porto de Canido, e que ten sido reiteradamente denunciado sen que a Autoridade Portuaria de Vigo actuase nunca”, cuestionou o Portavoz municipal do BNG de Vigo. Xabier P. Igrexas se vén de dirixir o alcalde, Abel Caballero, para que o Concello “non fique de brazos caídos” e pida a retirada destes puntos no Consello de Administración do Porto e, en caso de non conseguilo, vote en contra das autorizacións.
“Palabrería” do Porto de Vigo
Igrexas referiuse tamén ao novo presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, criticando inicie a súa andaina á fronte da institución “demostrando na práctica que o seu compromiso co crecemento azul e sustentábel do Porto é apenas un exemplo máis de greenwashing, de pura e dura palabrería”. Así, alertou sobre o impacto directo desta actuación sobre os fondos mariños, así como o banco marisqueiro e a pesca artesanal que se realiza na zona, tal como denunciou a propia Confraría de Pescadores de Vigo.
Modelo caprichoso e privatizador
No mesmo sentido, a deputada do BNG, Carmela González, anunciou iniciativas no Parlamento galego para esixir á Xunta que paralice este novo intento de privatización da lámina de auga. Gonzáles asegura que é “incompatíbel” co ecosistema mariño. “Hai que superar este modelo caprichoso nas nosas costas apostando por unha ordenación racional e con consenso que vai na dirección dun aproveitamento sustentábel e multifuncional”, defendeu.