A Sanidade Pública de Vigo vén de recibir dous novos premios. Así, dous estudos do servizo de Pneumoloxía da Área Sanitaria viguesa veñen de recibir os galardóns que a Sociedad Nacional de Pneumoloxía concede na área de técnicas broncopleurais, de entre un cento de traballos presentados nesa categoría.ç
Doutor Fernando Vargas
O premio SEPAR-Paciente foi para o residente Fernando Vargas por unha investigación sobre a Elastografía. Esta proposta recolle os resultados preliminares do seu proxecto de tese dirixido por profesionais do CHUVI, e matriculada no Programa de doutoramento en Biotecnoloxía Avanzada da Universidade de Vigo, que coordina a doutora Carmen Sieiro.
Doutora Irene Lojo
Pola súa banda, a pneumóloga Irene Lojo recibiu o premio SEPAR-Oro polo estudo sobre o perfil molecular do Derrame Pleural Maligno en cáncer de pulmón non microcítico. Este traballo de investigación, tamén dirixido por pneumólogos do propio servizo, enmárcase no Programa de Doutoramento de Medicina Preventiva da Universidade de Santiago de Compostela.
Elastografía, nova técnica diagnóstica
A elastografía é unha técnica que estase a implementar como complemento á ecografía para a caracterización da elasticidade dos tecidos, demostrándose útil para o diagnóstico de patoloxías hepáticas ou para procedementos como a ecobroncoscopia. O obxecto desta investigación era analizar a súa utilidade e fiabilidade no estudo de enfermidades pulmonares.
No traballo premiado comparáronse os valores da elastografía cos doutras probas xa contrastadas e descritas previamente na literatura. Segundo afirma o doutor Vargas “a conclusión é que evidenciamos que trátase dunha técnica novidosa, accesible e dispoñible a pé de cama, e que pode ser útil para o diagnóstico diferencial das consolidacións subpleurais. Sen embargo, aínda é necesario continuar os estudos e ampliar a investigación.”
Alteracións xenéticas no cáncer de pulmón
A outra investigación premiada tiña por obxectivo analizar a frecuencia do Derrame Pleural Maligno en pacientes con cáncer de pulmón, o seu perfil molecular e a súa supervivencia.
O Derrame Pleural Maligno é unha complicación frecuente do cáncer, sendo o cáncer de pulmón non microcítico (células grandes) a causa máis habitual.
“É imprescindible establecer o diagnóstico do cáncer de pulmón e determinar o seu perfil molecular para pautar as intervencións terapéuticas, e realizar un bo control da enfermidade. En definitiva, avanzar no coñecemento das alteracións xenéticas deste tipo de cáncer para desenvolver tratamentos personalizados, máis dirixidos e eficaces”, explica a pneumóloga Irene Lojo.
Avances científicos
Ambos traballos inclúense nas liñas prioritarias do Grupo multidisciplinar NeumoVigo I+i do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Segundo o responsable do Grupo e xefe de servizo de Pneumoloxía, o doutor Alberto Fernández Villar, “a investigación traslacional como a que se acaba de recoñecer a nivel nacional permítenos levar os avances científicos de forma rápida e directa ao paciente, e mellorar así a súa atención e seguridade”.