O persoal do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra acordou onte en multitudinarias asembleas celebradas en Vigo e na capital suspender os dous días de folga previstos para este mércores e xoves. A decisión tomouse ante a última proposta de convenio colectivo achegada pola patronal do sector.
Subida dos salarios do 13% en 4 anos
Finalmente, o empresariado ofrece unha suba salarial total do 13% nos catro anos de vixencia do acordo, con cláusula de revisión salarial a IPC real e con carácter retroactivo. “O avance nas negociacións foi posíbel tras a convocatoria de dous paros de 24 horas lanzada pola CIG”. Á vista da mesma, a patronal convocou ao comité de folga a unha xuntanza o pasado venres na que puxo enriba da mesa unha serie de propostas que finalmente foron aceptadas en asemblea de xeito unánime.
Así, a proposta da patronal contempla un convenio a catro anos que establece uns incrementos salariais do 5% en 2023, do 3% en 2024, do 3% en 2025 e do 2% en 2026. Ademáis contén unha cláusula de revisión salarial para cada un dos anos de vixencia con carácter retroactivo, sempre que o IPC real supere estas cantidades.
Un día máis de vacacións
Tamén ofrece un día máis de vacacións e dous sábados libres ao ano; así como catro días de libre disposición, e acepta varias cláusulas sobre violencia de xénero e igualdade e xubilación parcial. Modifícase a redacción de concorrencia de convenios para que os convenios propios teñan os mesmos salarios que o provincial. Ao tempo que se fixa o comezo das licenzas en días laborábeis e se incorporan as licenzas de 15 a 30 días, sen remunerar, para casos especiais. E introdúcese a promoción da categoría de auxiliar administrativo á de oficial administrativo, entre outras cousas.
Froito das mobilizacións
Dende a federación de Servizos da CIG salientan que “a loita das persoas traballadoras do sector, que secundaron masivamente a xornada de folga convocada o pasado 23 de xuño, e a negociación protagonizada pola central sindical fixo posíbel que a patronal se vise obrigada a poñer enriba da mesa estas melloras, e así se lle trasladou a todas as persoas asistentes ás asembleas celebradas onte”. A partir de agora a CIG-Servizos porase en contacto co empresariado para informarlle sobre a decisión adoptada para seguir coa negociación do convenio.