O Pleno ordinario do Concello de Covelo aprobou habilitar un crédito extraordinario de 201.026,75€ procedente do remanente de Tesourería que agora destinará a diferentes proxectos de mellora de espazos e servizos públicos municipais.
Así, esta cantidade permitirá executar distintos proxectos de acondicionamento de prazas públicas nas parroquias; melloras de accesibilidade e humanización; reparacións e reposición de muros; contratación de empregados con cargo ao programa RISGA; adquisición de novos inmobles municipais e equipamentos que melloren os servizos públicos municipais.
“Mellorar o día a día da veciñanza”
O alcalde Pablo Castillo, adianta que seguirá sendo o seu obxectivo principal mellorar o día a día da veciñanza. “Traballamos para optimizar os recursos municipais facendo unha boa xestión dos mesmos. Isto permite que poidamos ofrecer mellores servizos, dar maior cobertura dentro das nosas competencias, atender ás necesidades da cidadanía e, por suposto, atender ás parroquias do mesmo xeito que atendemos o centro urbano”.
Accesibilidade, pavillón, biblioteca
As “contas saneadas” permiten que o Concello estea en disposición de aportar a súa porcentaxe nos proxectos que obtiveron o apoio das diferentes administracións, estatal, autonómica e provincial. Deste xeito, e cos votos a favor do Goberno, a Corporación aprobou a aportación de 45.659,83€ para a obra de mellora de accesibilidade e humanización da praza e camiño da Ermida, que corresponde ao 20% do custo total da obra. Tamén aprobou aportar 65.250€ para o proxecto de acondicionamento do ximnasio no pavillón municipal que ten un orzamento total de 435.000€. Ademais, posibilitará a ampliación do patrimonio municipal xa que, cos cartos do remanente, o Concello mercará o piso situado enriba da biblioteca pública municipal para ampliala. O prezo do inmoble ascende a 42.000€ financiados ao 100% polo Concello.
Asi mesmo, o Concello investirá 3.487,26€ para a mellora do equipamento do auditorio municipal, un 80% do total da inversión. Ademais, destinará 13.028,51€ á contrución do muro de contención na Bouza, en Prado da Canda para cubrir o 100% do gasto. Por último, 3.573,82€ serán para a posta en valor da Pontella da Graña, sendo este importe o 20% do orzamento total para esta acción.