Amnistía Internacional (AI) remitiu onte unha carta á Maica Larriba, Subdelegada do Goberno en Pontevedra, na que solicitou formalmente a apertura dunha investigación independente exhaustiva, sen demora cuxos resultados se fagan públicos sobre as actuacións policiais durante a folga do metal en Vigo, para determinar se os casos de presunto uso excesivo da forza “poderían ser constitutivos dun delito de tortura ou maltrato”.
A carta de AI é froito da ausencia de resposta ao chamamento da semana pasada ao Ministerio de Interior no que AI expresou preocupación polas lesións causadas por un presunto uso excesivo da forza nas cargas policiais. Na misiva, AIaborda tres aspectos que establecen as Orientacións das Nacións Unidas sobre o emprego de armas menos letais no mantemento da orde: a rendición de contas sobre o uso de forza, a xestión da orde pública e o uso de porras e pelotas de goma.
Rendición de contas
AI lembra á Subdelegada que todo uso da forza por parte do persoal das forzas da orde debe axustarse aos principios de legalidade, precaución, necesidade, proporcionalidade, non discriminación e rendición de contas. En virtude do dereito internacional dos dereitos humanos e dos principios internacionais sobre o uso da forza, os Estados teñen a obriga de velar por que o persoal das forzas da orde renda contas dos seus actos, incluída toda decisión de utilizar a forza por parte de que quen a apliquen, autoricen ou supervisen o seu uso, garantindo a rendición de contas de todo exercicio indebido desta facultade.
“Para cumprir este principio, a investigación debe ser imparcial, independente e eficaz e levarse a cabo axiña de xeito transparente, coa plena colaboración de todo o persoal policial“, sinalou Estévez.
Xestión da orde pública
As Orientacións da ONU establecen que as forzas da orde deben utilizar técnicas de distensión adecuadas para reducir ao mínimo o risco de violencia e adoptar todas as medidas cautelares posibles para evitar, ou polo menos reducir ao mínimo, o risco de lesións.
“Estas normas establecen que cando determinados participantes nunha reunión se comporten de maneira violenta, o persoal das forzas da orde ten o deber de distinguir entre esas persoas e o resto dos participantes e se decide que as armas menos letais son un medio apropiado para facer fronte a actos de violencia puntuais, só poderán utilizarse armas que cumpran as normas internacionais en materia de precisión“, declarou o voceiro de Amnistía Internacional.
Uso de porras e pelotas de goma
En relación co uso das porras, AI lembra que as Orientacións da ONU definen as circunstancias nas que seu o uso pode ser lícito. “Segundo estas normas, as porras só poden utilizarse contra persoas que estan inflixindo ou ameazando con inflixir dano a persoal das forzas da orde ou a cidadáns”, declarou o voceiro de AI que engadiu que “Os golpes das porras deberían dirixirse contra os brazos ou as pernas do atacante e deberá evitarse o seu uso contra toda persoa que non teña nin ameace con ter un comportamento violento, xa que ese uso pode constituír un trato cruel, inhumano ou degradante, ou mesmo tortura“.
Sobre as pelotas de goma, as “Orientacións” establecen que deberían utilizarse unicamente en fogo directo para golpear a parte inferior do abdome ou as pernas dunha persoa violenta, e unicamente co fin de facer fronte a unha ameaza inminente de lesións contra un integrante das forzas da orde ou un membro do público.