O programa provincial Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra, chega este martes, 25 de xullo, Día de Galicia, ao Concello de Covelo co recoñecido grupo Milladoiro.
Así, o concerto terá lugar no Campo da Feira da vila ás 17:30 horas. Nesta nova xira 2023, Milladoiro, que acumula unha extensa traxectoria de máis de 40 anos, está a facer un percorrido polos seus temas máis emblemáticos, así como os pertencentes aos traballos máis recentes.
“Seguimos –aseguran os seus integrantes- á procura da beleza e da harmonía nunha singradura que ten a Galicia como epicentro dunha longa espiral sen fronteiras, e que agarda e demanda de cada un de nós que esteamos sempre á altura do seu horizonte de mar, ceo e terra”.
Embaixador da música galega en todo o mundo
Milladoiro está considerado como un dos grupos de música folk máis valorados e tamén un dos principais embaixadores da música galega polo mundo. Ten realizado durante anos un arduo labor de recuperación da musica galega tradicional empregando, ademais, instrumentos locais como a gaita galega, a irlandesa, a arpa celta, a pandeireta, a zanfona xunto a outros máis universais como o clarinete, a frauta transversa ou o violín.
Entre os galardóns que acumula o grupo está o Goya á mellor música orixinal pola banda sonora da película La mitad del cielo, así como a Medalla Castelao (2004) ou a Medalla de Ouro de Galicia (2012).