Este martes, que ademáis do Día Nacional de Galicia é o patrón de Covelo, nove locais de hostalaría servirán churrasco a prezo reducido…coincidindo coa XLII Festa do churrasco.
Un ano máis, poderase degustar as carnes do Suído e a costela de porco nos bares e restaurantes colaboradores, mesmo prezo que no Campo da Feira, onde se celebra a tradicional festa gastronómica. Os locais onde poderemos gozar dunha boa tallada son: bar Sebastián en Barcia de Mera; tapería O Buraco de Covelo; o Lugar dos Devas en Cernadela, Godóns; restaurante da casa cultural da Graña; o bar La Graña; bar Lemos na Hermida; o bar Cuartel na Lamosa e os bares Río Tea e Plaza en Maceira.
A 6 euros
As empresas colaboradoras respectarán os prezos establecidos polas bases da XLII edición da Festa de 6 euros como máximo, mantendo o prezo durante todo o día, aplicado só para os produtos entregados polo Concello a cada establecemento. Cada local adherido recibirá 21 kg de carne de porco, 21 kg de carne de tenreira e 7’5 kg de chourizo criollo.
“Tendo en conta que este evento constitúe un factor determinante para o desenvolvemento económico e social do concello abrimos sempre unha vía de colaboración non só para dar un servizo axeitado e responder á demanda de todo tipo de visitantes e participantes tamén para promocionar os locais de hostalaría e empresas locais colaboradoras ás que lle facilitamos de xeito gratuíto a carne do churrasco”, explica o alcalde Pablo Castillo.
Pola súa banda, os establecementos participantes comprométense a ofrecer a posibilidade de realizar reservas durante a Festa do Churrasco e quendas de comidas, así como de recollida da comida para levar. Así mesmo, deberán informar ó público do horario no que darán o servizo nun lugar ben visible en cada un dos establecementos.