O grupo municipal socialista de Tomiño volve a denunciar, unha vez máis, a “gravísima situación de saúde pública” que está a padecer a veciñanza a causa da nova baga de moscas que asolaga varias parroquias.
Así, na tarde de onte puxéronse en contacto cos socialistas os veciños e veciñas, neste caso de Forcadela, “para informarnos da terrible situación que están a vivir”por esta invasión de moscas que “afecta seriamente o seu día a día e a súa calidade de vida pondo en risco mesmo a súa saúde”.
Por isto, a voceira socialista, Violeta de Santiago, esixe respostas e accións ao Goberno municipal que “está desaparecido e non actúa neste grave problema”. Ademáis pregúntase “que pasa con ese famoso estudo encargado a universidade de Vigo? Estáse traballando realmente nel? Hai conclusións? Si as hai, cal é o motivo de non facelo público e actuar para atallar esta invasión?”
Segundo a voceira socialista, “a cidadanía vai moi farta de anuncios electoralistas que non achegan solucións aos seus problemas e demandan información, transparencia e acción xa”. E por iso que lembran que a alcaldesa, Sandra González, baseou a súa campaña electoral decindo que as persoas estarían no centro da acción política e que poría corazón. “Non é precisamente o que está a facer nin a demostrar”.