O Castelo de Soutomaior acolle este xoves 3 de agosto ás 19:00 horas o espectáculo de circo ‘Glamping’ da compañía SU.MA. A actuación, para a que xa están todas as prazas esgotadas, conta a historia de tres amigos con caracteres moi distintos que se embarcan na aventura de pasar xuntos unhas vacacións de cámping.
Esta actividade para todos os públicos é unha das 13 programadas ao abeiro de “Tras as Ameas”, o programa co que este verán a Deputación de Pontevedra quere encher de cultura os castelos de Soutomaior e Sobroso.
‘Glamping’
O espectáculo ‘Glamping’ fala das relacións humanas a través da mestura de teatro xestual, música, acrobacias aéreas, danza e swing en clave de clown. As artistas Sue Moreno e María Move únense por primeira vez baixo a dirección de Gonçalo Guerrero, de Elefante Elegante, nun espectáculo de danza-circo 360º no que dúas personaxes crean mundos de fantasía coa voz en directo como un dos principais ingredientes.
“Tras as Ameas”
“Tras as Ameas” arrancou o 27 de xuño e inclúe ata o 29 de agosto un total de 13 accións entre concertos; obradoiros; contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo. As actividades están divididas en cinco bloques: ‘Noite no castelo’ (accións nocturnas);‘Música con historia’ (concertos para público familiar); ‘Nin príncipes nin princesas’ (contacontos); ‘O teatro vén de visita’ (teatro de rúa); ‘Creando no xardín’ (obradoiros participativos de arte); ‘Vaia circo este castelo!’ (espectáculos de circo exterior) e ‘Entre muros de maxia!’ (espectáculos de maxia).
Ollo: os próximos catro espectáculos do programa teñen xa todas as súas prazas esgotadas, son ‘Paxaro amigo. Músicas para a paz’ de Mamá Cabra, o 10 de agosto no Castelo de Soutomaior; ‘Nino & Nambrú’ de Nauta, o 17 de agosto tamén en Soutomaior; o espectáculo de maxia ‘Superheroe’ de Fran Frei, o 22 de agosto no Castelo de Sobroso; e por último o obradoiro ‘Lingoroteira’, de Xarope Lulú, o 29 de agosto tamén en Sobroso.